A Feira do Moble da Estrada érguese como importante encontro para a dinamización económica do sector

Presentación da Feira do Moble da Estrada
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, subliñou esta mañá na presentación da XIX edición da Feira Internacional do Moble de Galicia, que se celebrará na Estrada do 19 ao 27 de setembro, a importancia deste encontro tanto na dinamización económica tanto do sector como de toda a comarca.
O encontro, que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, reunirá preto de 70 firmas directas e preto doutras 250 indirectas en máis de 26.000 m2 de espazo expositivo, consolidado, tal e como subliñou Vázquez Abeal, como un referente no calendario feiral galego.
Na oferta expositiva van da man innovación, deseño e calidade, achegando as últimas tendencias en mobles, iluminación, decoración, artesanía, ou menaxe, entre os diferentes subsectores que este ano están representados no certame. Nesta edición, a Feira do Moble de Galicia conta co distintivo de Internacional, outorgado polo Ministerio de Economía e Competitividade.
No marco deste encontro, responsables do Igape participarán o martes 22 de setembro a partir das 11 horas nunha xornada técnica centrada en instrumentos de financiamento para as pemes galegas. Ademais, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria contará cun espazo propio durante toda a Feira, no que se achegará información sobre os distintos servizos e axudas dispoñibles.











