A familia Calvo recolle a Medalla de Ouro nun acto sinxelo e emotivo que ateigou o Pazo da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Entrega da Medalla de Ouro

Entrega da Medalla de Ouro

Os fillos e fillas de Luis Calvo Sanz, o Presidente do Grupo Calvo, José Luís Calvo Pumpido, o Conselleiro Delegado do Grupo, Luciano Calvo Pumpido, e as Conselleiras do Grupo, María Dolores Calvo Pumpido, María Luisa Calvo Pumpido e María Herminia Calvo Pumpido, foron os encargados de recoller o venres 11 de setembro en representación de toda a familia a Medalla de Ouro que o Concello de Carballo vén de concederlle a esta empresa carballesa nacida en 1940 e que este ano cumpriu 75 anos de vida. Veciños e veciñas da vila ateigaron o auditorio do Pazo da Cultura -moitos deles tiveron que quedar de pé- así como representantes da vida social, política, deportiva e cultural de Carballo, e contribuíron, cos seus aplausos e co seu entusiasmo, a facer do evento un acto sinxelo e emotivo.

Especialmente no momento da entrega do distintivo. Primeiro, porque José Luis Calvo Pumpido, que estaba previsto que recollese a Medalla de Ouro, quixo chamar ao seu irmán e ás súas irmás para que a recollesen todos xuntos. Despois, porque no seu discurso tivo que parar nalgún momento por culpa da emoción e arroupado polos aplausos. Quixo agradecer a distinción outorgada por unanimidade da corporación, xa que estimula ao Grupo Calvo a “seguir loitando, mellorando e medrando”. Tivo verbas para os seus pais e o seu irmán Manuel Calvo Pumpido, xa falecidos, e tamén para a segunda, terceira e cuarta xeracións da familia Calvo que seguirán loitando pola empresa. Rematou cualificando o acto como algo “inesquecible” para todos eles.

O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo realizar un breve percorrido pola historia da empresa, porque “hai que ser moi carballés para erguer un complexo conserveiro a varios quilómetros da costa”, e “hai que ser moi bo dirixente industrial para ser empresa de referencia a nivel mundial”. Para Ferrero, “Calvo é moito máis que unha das primeiras conserveiras do mundo, é o símbolo do compromiso cun pobo e cos seus habitantes”, porque “o nome de Calvo abre as portas á solidariedade, ao compromiso social, ao deporte, á cultura, ao libro, ao movemento asociativo destas terras”. “Con Calvo estamos no mundo”, subliñou.

Rematou asegurando que “toda a sociedade carballesa sempre recoñecerá” o exemplo de Calvo. Ferrero transmitiu así o agarimo de todos os presentes e de todo un pobo á que é, despois de moito camiñar, a primeira conserveira de España, a segunda de Europa e a quinta do mundo. A cita contou tamén coa animación musical de Uxía e Fran Pérez Narf, que coas súas cancións engaiolaron ao público presente, que gozaba do ambiente festivo do acto. E tamén coa proxección dun vídeo conmemorativo da empresa con motivo do seu 75 aniversario, no que aparecen moitos dos traballadores e traballadoras que ao longo de todos estes anos teñen formado parte da familia do Grupo Calvo.

Entre o público asistente ao acto, ademais de todos os membros da corporación, hai que mencionar a presenza do Secretario Xeral de Pesca, Juan Carlos Maneiro; o Secretario Xeral de Anfaco, Juan Manuel Vieites; ou o Presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Marcelo Castro-Rial. Así mesmo, estiveron os alcaldes da Laracha, Malpica e Carnota, e os dirixentes de numerosas asociacións deportivas, culturais e sociais, así como de empresas de Carballo e da comarca. Todos eles quixeron transmitir os seus parabéns nun acto que quedará para o recordo.

14 de setembro de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.