A exposición «Rías Baixas, o viño do mar» chega á Casa de Galicia en Madrid

Inauguración da exposición
A Casa de Galicia en Madrid acolle até o 28 de setembro a exposición fotográfica «Rías Baixas, o viño do mar», que agrupa 30 imaxes do fotógrafo galego Xurxo Lobato tomadas no cinco subzonas que compoñen a D.O. Rías Baixas nas diferentes estacións do ano. A través delas móstranse as características desta denominación: os tipos de viñedo en espaldera, as singulares parras, o característico minifundio e as modernas plantacións. Todas as instantáneas proceden do libro Rías Baixas, o viño do mar, editado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas con motivo do seu 25 aniversario e que recibiu o premio de Gourmand Awards Cook Book 2014 ao mellor libro de viño europeo, e cuxos textos pertencen ao xornalista gastronómico, Cristino Álvarez.
Dita exhibición fotográfica, organizada coa colaboración do Consello Regulador de Rías Baixas, poderá ser visitada na delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, até o 28 de setembro en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables e de 10 a 14 os domingos e festivos.
O acto de inauguración que tivo lugar onte contou coa presenza do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, do presidente do Consello Regulador da D. O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo;e do fotógrafo Xurxo Lobato. A esta presentación tamén acudiron o secretario xeral da denominación, Ramón Huidobro, e a súa directora de mercadotecnia, Eva Mínguez.
O presidente da Denominación, Juan Gil de Araujo, espera que “esta exposición sirva para transmitir a profesionalidade e o agarimo que os nosos viticultores e adegueiros poñen no coidado dos seus viñedos e na calidade das súas elaboracións”. Juan Gil de Araujo puxo en valor “a viticultura en Rías Baixas pola súa enorme transcendencia social e económica. Iso é o que move a este Consello Regulador, día tras día, a manter un extraordinario nivel de actividade no seu labor de promoción”.
O delegado da Xunta en Madrid lembrou que “as numerosas e espléndidas fotografías da exposición tamén dan vida ao magnífico libro Rías Baixas o viño do mar /O viño do mar. Editado en castelán, galego e inglés con textos de Cristino Álvarez e que é un prodixio de beleza, un milagre de expresión, unha ´pasada´-diría un moderno– de luz, un sentimento do que o viño é e significa no paraíso das Rías Baixas”. Neste sentido, José Ramón Ónega apreciou que esta exposición nos trae un anaco máxico desa Galicia que levamos na alma, achegándonos ao universo dos mellores viños do mundo e á terra que os crea”.
Pola súa banda, o fotógrafo Xurxo Lobato, membro da Academia Galega de Belas Artes e colaborador habitual gráfico de importantes diarios, definiu a mostra como “o resumo dun ano de traballo no que percorrín as cinco subzonas de Rías Baixas, en diferentes estacións, recollendo da alma e o espírito do viño”. Así mesmo, asegurou que “tentei transmitir as paisaxes e o territorio desta denominación así como o bo facer dos adegueiros á hora de elaborar o viño”.
Durante a inauguración proxectouse tamén un audiovisual con imaxes da mostra e música do grupo Milladoiro. Ao acto, que combinou a faceta artística coa promocional e ofreceuse unha copa de Rías Baixas, contou con preto dun centenar de persoas, entre as que se atopaban algunhas destacadas como o exministro César A. Molina, -actualmente director da Casa do Lector-; as científicas Marisol Soengas e Mª Teresa Miras Portugal; a directora adxunta da División de Alimentos e Gastronomía de ICEX España, Rosa Angulo Peláez; os fotógrafos Marisa Flórez e César Lucas; os directores de importantes fundacións, José Luís Canido e José Mª Díaz Maroto; a xestora cultural Rosario Sarmiento; así como profesionais do sector vinícola, como Eliseo González e Manuel dos Ríos, entre outras moitas.











