A exposición de Dana Díaz en Bueu permancerá aberta ata o domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+
Vista da exposición

Vista da exposición

Dana Díaz é unha artista pontevedresa nada en 1991 e que dedica a súa actividade profesional a reconstruír mobiliario abandonado ou que está en desuso, xogando coa utilidade e a orde para darlle novos usos e significados.

Tras varias exposicións individuais e colectivas por varios lugares de Galiza e Berlín, decidiu que necesitaba mostrar o seu traballo na nosa vila, “o lugar no que comezou todo” salienta. Así a sala Domínguez Búa acolle ata o domingo 6 de setembro unha mostra baixo o nome de “Inside Out”, aludindo e xogando coa pregunta de se se pode estar en dous lugares á vez, algo que no mundo da arte si é posible.

A maioría das pezas que compoñen as obras son mobles atopados en Bueu, os cales foron utilizados polos seus habitantes e levan contidas as pegadas das persoas ás que un día pertenceron, polo que todas elas forman, de maneira implícita, parte da obra.

Os temas sobre os que Dana Díaz traballa son a ambigüidade e a funcionalidade aos extremos,  obrigando ao espectador a implicarse coa obra e decidindo que é o que está vendo (unha escultura, un moble, un híbrido), e creando tensións entre o valioso e o non valioso, o público e o privado, o novo e o vello, o interior e o exterior. O que busca a artista é facer que o visitante pense e reflexione, polo que todas as interpretacións son posibles.

1 de setembro de 2015 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.