publicidade hoxe

A escola infantil de Malpica inicia a súa actividade cunha animada xornada de portas abertas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Xornada de portas abertas

Xornada de portas abertas

Decenas de persoas aproveitaron a xornada de portas abertas de hoxe para coñecer as instalacións da escola infantil de Malpica. As familias dos 27 nenos e nenas matriculados, veciños da contorna e membros do goberno municipal visitaron o edificio nun día moi especial, no que o equipo docente da escola, que está integrada na rede A Galiña Azul, organizou todo tipo de xogos e actividades para os pequenos e as súas familias. Ao igual que o propio edificio, no que predomina a ambientación mariñeira, boa parte das actividades, e mesmo as sesións de contacontos que se levaron a cabo, estiveron inspiradas na tradición pesqueira malpicá. O Concello de Malpica estivo representado polo alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, de cuxo departamento depende o centro, e os seus compañeiros de goberno Miguel Fernández e PiliDoldán, que realizaron unha completa visita ás instalacións, recolleron as impresións das familias e incluso compartiron xogos cos nenos e nenas.

Despois da concorrida e animada xornada de portas abertas, mañá comezará o período de adaptación para os 27 bebés de cero a tres anos matriculados na escola infantil, que ten capacidade para 41 usuarios. O proceso de incorporación será gradual. O horario de funcionamento do centro será de 07.30 a 15.30, dado que as necesidades das familias concéntranse nesa franxa horaria. Sen embargo, a dirección apuntou que, en función da evolución da demanda, no futuro o centro podería abrir polas tardes.

15 de setembro de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.