A escola de música de Sober mantén aberto o prazo de matrícula ata o 30 de setembro
A Escola Municipal de Música de Sober prolongará ata o día 30 de setembro o prazo de matrícula. O inicio do curso, a presentación oficial e a recollida de horarios farase o 3 de outubro ás 12:00 do mediodía no Centro Sociocultural. A Escola incorpora este ano como novidade ensinanzas de danza galega. Os nenos e nenas de 3 a 6 anos terana incluída de xeito gratuíto dentro da matrícula de música e movemento.
Ademais, a Escola dará clases de frauta traveseira, bombardino, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, percusión, piano, batería, guitarra e linguaxe musical. Tamén se ofertan ensinanzas de música en movemento a partir dos tres anos e música para adultos, así como a posibilidade de formar parte do coro.
O centro formará grupos instrumentais e os alumnos e alumnas poden participar na banda xuvenil. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca que o obxectivo principal da Escola Municipal de Musica de Sober é “formar educando aos alumnos e alumnas para a súa posterior incorporación á Banda de Musica de Sober, a principal entidade musical da Comarca”.
Os interesados en anotarse poden pedir máis información no Centro Sociocultural en horario de 10:00 a 14:00 horas ou nos números de teléfono: 982.460.513 e 617.551.299.