A edil de Educación apoia as reclamacións da Anpa de Barcelos que se debatirán no Consello Escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Educación, que dirixe Carmen Fouces, recibiu esta mañá o escrito presentado pola dirección da Ampa de Barcelos reclamando máis medios persoais e criticando o peche dunha liña de infantil no centro.

A concelleira amosouse totalmente de acordo coas reivindicacións da comunidade escolar, xa que entende que “o centro precisa de profesorado de apoio e non está xustificado o peche da aula”. Ante esta situación porase en contacto coa Consellería de Educación para exporlle a reivindicación dos pais. Dende a Concellaría de Educación enténdese que por descoñecemento, a Anpa solicita ao Concello que solucione o problema de profesorado, petición que o Concello non pode resolver por non ter competencias nese eido, extrictamente controladas pola Xunta de Galiza, “pero contan con todo o noso apoio e solidariedade”.

Carmen Fouces lembra que o Concello está a actualizar os membros do Consello Escolar que non se reúne dende hai tres anos e existen persoas que xa non están en activo. A Concellaría agarda ter lista a actualización deste consello no mes de outubro, e convocarase “coas problemáticas que se consideren oportuna”.

O Consello Escolar Municipal

A Concellería de Educación está pendente da actualización da composición do Consello Escolar Municipal para convocar o seu pleno que non se reúne desde o ano 2012. A previsión sitúa a xuntanza a finales do mes de outubro.

A nova concelleira Carme Fouces quere reactivar o funcionamento dun órgano de participación social e consultivo que acolle os representantes de todos os estamentos da comunidade educativa non universitaria de Pontevedra co fin de avaliar propostas, promover iniciativas e posicionarse sobre cuestións que interactúen ou determinen a actividade escolar.

O Consello Escolar Municipal está presidido pola concelleira de Educación, Carme Fouces, por delegación do alcalde e integrado por os seguintes membros: un vicepresidente/a , elixido/a polo Pleno do Consello entre os seus membros; secretario/o que será un técnico municipal; vinte vocais: dez docentes, seis do ensino público e catro do ensino privado propostos polos sindicatos e asociacións profesionais; seis país/nais de alumnos elixidos polas ANPA, catro con fillos/as en centros públicos e dous cos nenos/as en centros privados e catro alumnos elixidos polos representantes dos alumnos nos Consellos Escolares de centros.

O pleno complétase con os seguintes membros: un director/a de ensino medio proposto polos directores de centros públicos, dous directores de Primaria, un dun colexio do centro urbano e o outro dun do rural, elixidos polos directores dos colexios públicos do municipio; dous representantes sindicais elixidos polas organizacións máis representativas do sector; dous representantes das asociacións de veciños, un dunha asociación do casco urbano e outro dunha do rural; un membro do movemento de renovación pedagóxica, proposto polas organización deste ámbito; un representante da Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa e o delegado da Consellería de Educación ou persoa na que delegue.

24 de setembro de 2015 | 11:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.