A Deputación ofrece aos concellos da provincia a oportunidade de participar no Culturgal
O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, vén de remitir aos concellos da provincia de Pontevedra unha proposta convidándoos a participar e ter presenza activa na Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2015. Na presente edición, a Deputación de Pontevedra contará cun posto institucional que quere poñer a disposición de todas as entidades locais, para brindarlles a oportunidade de que difundan a súa oferta cultural no marco deste evento.
Xosé Leal cualifica esta iniciativa como “necesaria dar cabida a todas as propostas culturais posibles e contribuír deste xeito a enriquecer a oferta do certame”. Considera, ademais, de vital importancia que os concellos teñan a oportunidade de “estar presentes nun encontro xa consolidado na difusión da cultura e cuxa influenza vai máis aló da provincia de Pontevedra”.
O posto da Deputación é un espazo de nove por tres metros, que estará situado no corredor principal da feira, e que dará cabida ao material que os concellos desexen difundir, co obxecto de dar a coñecer as súas propostas en calquera dos ámbitos da cultura como poden ser, por exemplo, certames, iniciativas musicais ou de artes escénicas.
Asemade, desde a Deputación tamén se está recabando o interese dos concellos en realizar presentacións de proxectos e actividades no marco da feira. As presentacións, que poden corresponder a iniciativas tanto de ámbito local como comarcal, ofrecen a posibilidade de darlle visibilidade entre os profesionais culturais, programadores e programadoras, medios de comunicación e público en xeral.
Os concellos poderán remitirlle á Deputación as súas propostas de difusión cultural antes do 30 de setembro e a partires desa data, e atendendo ao volume de solicitudes, coordinaranse e organizaranse tanto as presentacións como o material de difusión de cada concello.
A Feira das Industrias Culturais celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra do 4 ao 6 de decembro e na pasada edición, segundo datos da organización, contou cunha asistencia de público de arredor de 15.000 persoas.











