A Deputación de Pontevedra ponse ó servizo da comarca do Baixo Miño para traballar en materia de residuos e mobilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación provincial púxose onte, da man do seu vicepresidente, César Mosquera, á disposición dos concellos do Baixo Miño para colaborar e traballar de forma conxunta nas materias de tratamento de residuos e de mellora da mobilidade e accesibilidade dos espazos urbanos. A reunión, convocada pola institución provincial e á que asistiron representantes dos concellos de Tui, Tomiño, A Guarda, O Rosal e Oia, foi unha das “máis activas” das celebradas ata o de agora pola Deputación ó longo de toda a provincia. Nela os concellos propuxeron iniciativas concretas sobre a mesa coma a creación dunha planta de compostaxe comarcal que, se ben é só unha idea, reflexa o interese e a implicación dos alcaldes e concelleiros con estes temas.

O vicepresidente provincial saíu moi satisfeito da reunión e indicou que, en relación co tratamento do lixo, ” vai haber acordos concretos en toda a provincia, pero nesta comarca en particular estou absolutamente convencido visto o ambiente, a disposición e o interese; xa hai cousas en marcha na maioría dos concellos en canto a compostaxe e puntos limpos, e hai que ir traballando así”, subliñou, “porque xa estamos en fase propositiva e de solucións concretas entre os técnicos locais e provinciais”.

Segundo dixo Mosquera, a Deputación pretende traballar nunha colaboración total cos concellos e deixa nas súas mans a decisión sobre o tipo de tratamento de lixo máis acaído ás necesidades e ás dimensións de cada municipio, tendo como referencia a compostaxe e os tratamentos biolóxicos. A partir de aí a institución provincial estaría disposta a adxudicar, xestionar e financiar a posta en marcha do servizo e incluso a realizarlles o cobro do recibo ós veciños. “O importante é a implicación dos concellos para que se poñan en marcha os tratamentos. Serán eles os que decidan “, explicou.

A proposta da Deputación vén dada pola obriga dos concellos, con competencias en materia de residuos, de cumprir co obxectivo europeo de reciclar ou reutilizar a metade dos residuos que se xeren no ano 2020. De non alcanzar esta cifra terían que facer fronte a posibles sancións económicas.

No ámbito dos residuos Mosquera subliñou a posta a disposición dos concellos dun novo asesor, Carlos Pérez, un experto que xa ten traballado coa Generalitat de Cataluña e outras administracións punteiras na materia. Ademais, recordou a invitación a unhas xornadas sobre tratamento de residuos en Navarra para que os técnicos locais coñezan diferentes tipoloxías de xestión do lixo que se poden aplicar na provincia.

“O mellor residuo é o que non se produce e unha vez que se produce o mellor residuo é o que non entra nos circuítos, tanto falando en termos económicos como ecolóxicos”, insistiu o vicepresidente, que indicou que se hai vontade de crear unha mancomunidade para a xestión do lixo será unha proposta “sumamente interesante”.

Cultura de accesibilidade

Mosquera explicou tamén no encontro que a accesibilidade e a mellora da seguranza viaria serán tamén outros obxectivos deste mandato na Deputación. Nestes momentos, lembrou o vicepresidente, “estanse a gastar cartos para mellorar espazos urbanos pero ‘doen os dentes’ de ver como se está a facer”.

Mosquera explicou que é preciso instaurar unha cultura da accesibilidade e que se aplique o concepto de xeito integral en todos os proxectos que están en marcha. Tamén subliñou que cómpre poñer un punto e final á creación de barreiras: “se se consigue que nas obras públicas e nas actuacións privadas non se creen máis iso xa é unha vitoria”, apuntou. Para que os municipios da provincia poidan ter unha referencia da maneira de traballar neste ámbito o asesor Jesús Fole, o arquitecto que deseñou as primeiras actuacións de reforma urbana en Pontevedra, achagará a súa experiencia. “Pódense facer ben as cousas gastando menos cartos sempre que as cousas se consulten antes de facelas; preferimos aconsellar antes que parar ningunha obra despois”, sinalou Mosquera, que recoñeceu que hai proxectos provinciais adxudicados que se terán que modificar na execución porque presentan serias deficiencias.

En canto á seguranza viaria, tema que tamén se tratou no encontro, Mosquera explicou que Pontevedra presenta unha das peores cifras de sinistralidade de todo o Estado, polo que apostou por que a Deputación faga todo o posible na mellora das vías provinciais e no asesoramento municipal, ó tempo que lles esixa ás demais administracións a súa implicación e a eliminación de elementos de perigo nas súas estradas.

O encontro tamén serviu para poñer sobre a mesa a necesidade da posta en valor dos montes da provincia. A Deputación, neste sentido, traballará ó lado dos concellos e das comunidades de montes para a creación de parques forestais naquelas zonas nas que se precisa unha rexeneración, actuando con repoboacións, creación de sendeiros, miradoiros e outros elementos que proporcionen valor a áreas que actualmente están moi degradadas.

Acollida moi positiva

O ofrecemento de asesoramento por parte da Deputación foi acollido por todos os alcaldes e concelleiros con moita satisfacción. De feito a maior parte dos presentes xa se puxeron en contacto cos dous técnicos provinciais para obter consello sobre proxectos concretos.

No caso de Tui, o alcalde agradeceulle ó vicepresidente a elección da casa do seu concello para desenvolver o encontro. Manifestou a gran sensibilidade polos temas propostos (residuos e mobilidade) e apuntou que a súa vontade é optimizar os recursos existentes para acadar un tratamento de lixo máis eficiente e menos custoso para a veciñanza. En canto á mobilidade, sinalou que xa ten solicitada unha visita de Jesús Fole á vila co fin de que faga achegas para o “ambicioso plan de redeseño do entramado urbano” previsto.

A alcaldesa de Oia, pola súa banda, incidiu na importancia de mellorar a seguranza viaria en determinados tramos de estradas provinciais e solicitou colaboración provincial no saneamento de augas residuais, ámbito no que o organismo provincial non terá problema en colaborar no posible, aínda que é competencia local e autonómica.

Por parte da Guarda, tanto o alcalde coma o concelleiro de Medio Ambiente expuxeron as súas experiencias na compostaxe e falaron da importancia que, no seu concello, supoñen os puntos limpos. En relación coa accesibilidade e a seguranza viaria tamén fixeron fincapé na necesidade de traballar xuntos, por exemplo, na urbanización da rúa Concepción Arenal, de titularidade provincial.

A alcaldesa do Concello de Tomiño falou da xestión do lixo como “un buraco negro” na economía dos concellos e puxo sobre a mesa a importancia de tratar o tema de forma conxunta cos municipios veciños “porque ó mellor pode haber unha política en conxunto”.

A concelleira de Medio Ambiente do Rosal, ademais, apuntou a súa dispoñibilidade para aplicar sistemas de xestión realistas que consigan reducir o lixo e o seu custe, ademais agradeceu a posta a disposición dos asesores provinciais, así como a invitación ás xornadas de Navarra, que servirán para aplicar experiencias perfectamente extrapolables á zona do Baixo Miño.

1 de setembro de 2015 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.