A Deputación de Pontevedra nega o peche das Escolas de Banda de Gaitas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra non pecha as escolas da Asociación Cultural Banda de Gaitas nin deixa sen atención ao alumnado das mesmas. Así o reitera o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que tras notificarlle aos responsables a non renovación do convenio de colaboración, lémbralles que a titularidade das escolas lle corresponde á mencionada Asociación e, polo tanto, a facultade de decidir sobre o seu futuro e sobre a súa vontade para abrir ou non novas vías de financiamento.

A Deputación provincial reitera, unha vez máis, o seu apoio á música tradicional e a todas as asociacións e agrupacións da provincia que están a traballar na súa difusión, promoción e preservación. No eido económico, o ente provincial entende que este apoio debe materializarse do xeito máis xusto posible e contemplando condicións de igualdade e equidade, como a concorrencia competitiva. Neste sentido, Xosé Leal xa explicara no seu momento que a Asociación Banda de Gaitas “tiña un trato privilexiado por parte do anterior goberno provincial que non respondía a ningún tipo de xustificación” e  que esta situación  supoñía  “unha competencia desleal ao primar unha asociación cultural sobre as demais da provincia”.

“A decisión de non renovar o convenio de colaboración coa Asociación Banda de Gaitas, non implica necesariamente que esta non poida seguir desenvolvendo a súa actividade” argumenta o deputado provincial. Xosé Leal entende que “debe tomar decisións sobre abrir outras vías de financiamento ao igual que outras asociacións similares e que imparten as mesmas disciplinas musicais.”  

Ante a solicitude realizada por alumnos e alumnas das escolas para reunirse co deputado provincial e expoñerlle as súas demandas, Xosé Leal ten previsto explicarlles a decisión tomada pola Deputación. Tamén lles adianta que no caso de que a Asociación Banda de Gaitas decida non continuar coa actividade das escolas, hai outras agrupacións nos concellos de referencia ás que poden dirixirse para recibir esa formación musical.

24 de setembro de 2015 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.