A Deputación de Pontevedra leva a Vigo a mostra “Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia”
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle, desde hoxe e ata o vindeiro día 18, a mostra ‘Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’. Unha exposición que, en palabras do seu comisario e director do Museo Provincial de Pontevedra, Carlos Valle, “fai un paralelismo da figura de Valverde cun faro que cumpre a dobre función de iluminar e orientar, entendendo que a súa labor permite avanzar na investigación dos principais acontecementos do século XX e no traballo do autor como referente de compromiso intelectual coa súa Terra”.
A inauguración da mostra, celebrada esta tarde, correu a cargo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que destacou a importancia da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao autor. Silva estivo acompañada polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e polo alcalde de Vigo, Abel Caballero.
A mostra ten carácter itinerante para dar a coñecer e difundir tanto a vida de Filgueira Valverde coma a súa actividade intelectual e política. A exposición organízase en paneis que xiran ao redor de dous grandes eixes, un centrado na evolución cronolóxica da vida do autor e outro concibido como pílulas monográficas sobre o seu labor público e intelectual. Así, dunha banda pode seguirse a evolución da súa vida desde a infancia, adolescencia, vida universitaria e os diferentes lugares nos que foi vivindo e traballando; e, doutra, a súa vinculación co galeguismo, co Seminario de Estudos Galegos ou co Museo de Pontevedra. Neste sentido, o comisario da exposición destaca que os paneis son de fácil comprensión para que a partir da lectura e contemplación das imaxes gráficas o público poida coñecer un pouco mellor os principais acontecementos do século pasado.
A mostra ‘Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia’ xa estivo da man da Deputación nos concellos de Lalín, Mondariz-Balneario, Redondela e Marín, e despois de estar en Vigo, continuará a súa andaina en Cambados.
En Vigo poderá visitarse na sede da Deputación, sita na rúa Oporto, de luns a venres e cun horario de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h. A entrada é libre e gratuíta.











