A Deputación de Pontevedra leva a Navarra a un grupo de 47 alcaldes, concelleiros e técnicos para coñecer novos sistemas de xestión do lixo
A invitación da Deputación de Pontevedra ós concellos da provincia para asistir a unhas xornadas sobre sistemas de tratamento do lixo organizadas pola Universidade Pública de Navarra e visitar varias plantas de tratamento de lixo na contorna (Navarra e País Vasco) tivo unha gran aceptación por parte dos gobernos locais. Serán 45 persoas (catro alcaldes, dous tenentes de alcalde, 17 concelleiros e demais técnicos) as que encherán o autobús da expedición pontevedresa, o que proba o éxito da convocatoria e o interese mostrado polo tema.
A Deputación, a través do seu vicepresidente, César Mosquera, está explicando a todos os rexedores da provincia (a través de encontros comarcais) que o tratamento de residuos será un dos eixos da actividade da institución neste mandato. De feito, unha das primeiras decisións do novo goberno provincial foi a contratación dun experto na materia, Carlos Pérez, que está a disposición dos gobernos locais para guialos cara a un sistema de tratamento de lixo que lles beneficie tanto económica como ecoloxicamente.
Ademais da posta a disposición do asesor, a Deputación remitiulles unha carta ós concellos para informalos de que os días 8 e 9 de setembro se celebrará en Alsasua un curso sobre economía circular e xestión de residuos organizado pola Universidade Pública de Navarra e a Mancomunidade de Sakana. Nese encontro vaise debater sobre as oportunidades e beneficios que unha axeitada xestión do lixo provoca nos ámbitos sociais, económicos e ambientais. O curso contará coa presenza de relatores de recoñecido prestixio coma Francesc Giró, da Axencia Catalana de Residuos; Michele Giavini, de Composting Association; ou Alfonso del Val, consultor ambiental.
Consciente da importancia do evento a Deputación quixo impulsar a participación dos equipos de goberno dos concellos da provincia neste curso e decidiu subvencionar os gastos de desprazamento (autobús), os de aloxamento durante tres días (dous en Pamplona e un en San Sebastián), e os derivados da matrícula do curso.
Ademais, aproveitando a proximidade á ruta da viaxe, a Deputación ten previstas visitas guiadas a varias instalacións de compostaxe comunal e a dúas plantas de compostaxe (Lapatx e Epele), que tratan a fracción orgánica dos residuos municipais (FORM) recollida selectivamente na orixe.
A planta de Epele, a de maior tamaño das incluídas no programa, foi presentada o pasado día 24 polo Consorcio de Residuos de Guipuzkoa-GHK . É moi similar á que se prevé para Pontevedra polo volume de tratamento de residuos orgánicos (9.000 toneladas ano de FORM) e pola utilización de túneis estáticos para a súa descomposición e maduración en mestas volteadas.
Entre outras instalacións de tratamento de menor tamaño que forman parte da viaxe está a de Larrabetzu, que combina o residuo agrícola co doméstico dunhas 160 familias e dous restaurantes. Algo moi similar ocorre coas plantas de Sakana (na que combinan compostaxe comunitaria con recollida porta a porta) e a de Leitza. Xa preto de Donosti a expedición pontevedresa visitará a planta de Ursurbil, na que se realiza compostaxe doméstica e comunitaria, cunha captación de preto do 80 % do total do residuo orgánico xerado.
Á viaxe organizada pola Deputación están apuntados os alcaldes de Cambados, Cuntis, Silleda e Soutomaior; así como os primeiros tenentes de alcalde de Barro e Cambados; e os concelleiros de Medio Ambiente e Servizos de Bueu, Cangas, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Moaña, As Neves, Oia, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. Tamén acudirán técnicos de Caldas de Reis, Cuntis, O Grove, Lalín, Mondariz, Pontevedra, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, entre outros. Tamén estarán presentes deputados do grupo de goberno e asesores provinciais, así como membros do grupo provincial do PP (Luis Aragunde e Julio Alén).











