A Deputación de Pontevedra aumentará a súa achega económica e presenza no Culturgal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación fará unha achega directa de 8.000 euros á edición deste ano da Feira das Industrias Culturais, Culturgal. Deste xeito, multiplica por catro a achega realizada na edición anterior, que ascendera a 2.000 euros. Este foi un dos compromisos asumidos esta mañá polo deputado provincial da área de Cultura, Xose Leal, despois de reunirse co presidente da directiva de Culturgal, Manuel Bragado, e co director da Feira, Xosé Manuel Aldea.

Ademais do incremento desta axuda directa, a Deputación manterá outras colaboracións como son a produción da exposición, que nesta edición levará por título ‘Arte e Arquitectura’, e a impresión da cartelaría de todo o certame. O conxunto de todas estas colaboracións por parte da Deputación ascenderá na edición 2015 a máis de 17.000 euros.

Como novidade, a Deputación contará cun stand propio na Feira que porá a disposición de todos os concellos da provincia, co obxecto de que poidan contar cun punto desde o que difundir a súa oferta cultural.

Tras a xuntanza desta mañá, o deputado provincial, Xosé Leal destacou “a necesidade de seguir apoiando este certame tanto pola influenza que ten máis aló da provincia de Pontevedra, como polo que supón de modelo consolidado para a difusión a nivel de industrias e iniciativas culturais”.

Neste sentido, Xosé Leal lamentou “que a cultura sempre sexa a gran damnificada cando hai recesión económica” e subliñou a importancia desta colaboración non só no eido económico, senón tamén facilitando que os concellos poidan estar máis presentes, tendo unha participación máis activa e mostrando ao público as súas iniciativas culturais.

Para isto, a Deputación dirixirase aos concellos de Pontevedra, para darlles a opción de estar presentes no stand institucional a nivel provincial.

4 de setembro de 2015 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.