A Deputación de Pontevedra apoiará os plans experimentais de compostaxe que propoñan os concellos
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, asegurou onte que o organismo provincial apoiará os plans experimentais de compostaxe que propoñan os concellos da provincia. Mosquera insistiu en que a implicación municipal é básica á hora de buscar un modelo alternativo de xestión do lixo, polo que subliñou que se hai gobernos locais que queren botar a andar con pequenas iniciativas neste ano, terán total asesoramento por parte da Deputación, así como apoio económico para o seu proxecto. Este compromiso foi asumido polo vicepresidente no encontro mantido no Concello de Redondela, no que explicou que o tratamento de residuos e a mobilidade serán dous eixes estratéxicos de traballo para a Deputación neste mandato. A esta xuntanza asistiron representantes dos concellos da comarca de Vigo (Soutomairor, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Mos, Porriño, Salceda de Caselas, Nigrán e Baiona), así como os alcaldes de Covelo e Campo Lameiro.
En canto ós residuos, Mosquera explicou que hai unha gran variedade e escalas de solucións dentro da compostaxe “que funcionan mellor canto máis pequenas son” e que supoñen vantaxes tanto económicas coma medioambientais para os municipios. Sinalou que haberá unha liña provincial de axudas para que os concellos que presenten un proxecto de intervención poidan poñelo en marcha neste mesmo ano e indicou que é fundamental a implicación porque “o que fagamos ten que saír ben si ou si, e se non é así, mellor estar quietos”, dixo o vicepresidente.
Mosquera explicou que entre as axudas que lles podería ofrecer a Deputación ós concellos están a de ocuparse do subministro dos composteiros individuais (que roldan os 60 euros cada un) e dos comunitarios (uns 6.000 euros aproximadamente), así como facerse cargo da xestión e incluso do cobro dos recibos do lixo ós veciños en cada área.
O responsable provincial de Medio Ambiente lembroulle ós presentes que no ano 2020 a normativa europea obriga a que un 50 % dos residuos urbanos sexan reutilizados ou reciclados, algo que non se pode acadar se non se trata a fracción orgánica do lixo. Tamén sinalou que esta área é unha competencia municipal, pero que debido ós problemas económicos e técnicos que teñen moitos gobernos locais de pequenas dimensións a Deputación decidiu converter a área de residuos nun obxectivo estratéxico.
Por este motivo decidiu contratar un asesor na materia, Carlos Pérez (que estará á disposición dos concellos), así como organizar a viaxe a Navarra da pasada semana á que acudiron 45 representantes dos 62 municipios da provincia.
Mosquera lembrou que no 2011 a Deputación provincial puxo a andar un Plan provincial de lixo, que finalmente foi desbotado polo anterior goberno pola súa imposibilidade práctica, xa que lles obrigaba ós concellos a sumarse. “A nosa filosofía vai ao revés, cando un concello está disposto a implicarse recibirá o noso apoio”, dixo o nacionalista, que engadiu que calquera municipio, con interese, ten a capacidade de poñer a andar un sistema de compostaxe.
Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que participou na viaxe a Navarra para coñecer outros sistemas de tratamento do lixo, indicou na reunión de onte a necesidade de que os concellos se impliquen e esforcen para poñer en marcha a compostaxe, “xa que non quedan alternativas”, ó tempo que recoñeceu que é un traballo moi complexo.
Accesibilidade de espazos públicos
En canto ó segundo eixe do mandato, a mobilidade, Mosquera lembrou que a Unión Europea marcara de límite o 2015 para garantir a accesibilidade de espazos públicos, e sinalou que, se ben agora esa normativa non se está a aplicar, si se esixirá no futuro. O vicepresidente explicou que é preciso instaurar unha cultura da accesibilidade e que se aplique o concepto de xeito integral en todos os proxectos urbanísticos en marcha.
Para que os municipios da provincia poidan ter unha referencia de como traballar neste ámbito o asesor Jesús Fole, o arquitecto que deseñou as primeiras actuacións de reforma urbana en Pontevedra, achegaralle a súa experiencia ós técnicos locais. Tamén se está a traballar na organización dunhas xornadas para formar os enxeñeiros e arquitectos municipais.
En relación á seguranza viaria, Mosquera lembrou que Pontevedra presenta unha das peores cifras de sinistralidade de todo o Estado, polo que apostou por que a Deputación faga todo o posible na mellora das vías provinciais e no asesoramento municipal e lles esixa ás demais administracións que se impliquen e eliminen elementos de perigo nas súas estradas.
Outro dos temas que se abordou no encontro de onte foi o tratamento e a mellora dos montes. “Queremos abrir esta vía neste mandato porque hai moito patrimonio forestal co que traballar. Queremos apostar pola creación de parques forestais, poñendo en valor áreas que se poden asociar a outros usos coma o ocio, a paisaxe…”, finalizou.











