A Deputación da Coruña presenta un Plan de Acción Social dotado con máis de 30 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, presentaron esta mañá, nunha reunión de traballo na que participaron alcaldes, alcaldesas e concelleiros/as dos 93 municipios da provincia, as liñas fundamentais do novo Plan de Acción Social (PAS) que impulsa o Goberno provincial.

Este Plan distribuirá un remanente orzamentario de máis de 30 millóns de euros para cooperar cos concellos na realización de investimentos financeiramente sostibles, cun importe mínimo de 30.000 euros e unha vida útil superior aos cinco anos, e que teñen na súa maior parte un carácter social, no sentido de ir destinados a mellorar as condicións de vida da poboación coruñesa.

A reunión responde ao compromiso do novo Goberno da Deputación de establecer espazos de diálogo cos representantes dos gobernos municipais para coordinar accións e “escoitar a súa voz” á hora de planificar investimentos. Por primeira vez, os rexedores locais son convocados polo ente provincial para que acheguen as súas propostas e ideas antes da aprobación dunha iniciativa destas características. Segundo explicaron na reunión de hoxe, esta liña de traballo terá continuidade con reunións de ámbito comarcal e contactos máis directos ao longo do mandato.

O Plan pretende “axudar aos concellos nun momento no que precisan que se lles dea vida no ámbito económico para solucionar as caídas de ingresos en partidas que son esenciais e que viñan sostendo as economías municipais”, segundo explicou o presidente da Deputación, que subliñou ademais “a importancia que este importante investimento terá para a xeración de emprego e a recuperación económica da provincia”.

O PAS estipula que o 60% dos investimentos deberán ser destinados a medidas cun impacto social relevante e, segundo puntualizou González Formoso, “permitirá financiar multitude de investimentos financeiramente sostibles e de interese social” en diversas áreas.

O presidente e a vicepresidenta da Deputación explicaron que o reparto das cantidades asignadas aos concellos “responderán a criterios obxectivos”, de maneira que todos os concellos teñan as mesmas posibilidades, e reducindo a discrecionalidade das subvencións nominativas.

“O PAS executarase unicamente con criterios claros e obxectivos, dando autonomía aos concellos na súa xestión”, explicou Goretti Sanmartín, ao respecto do PAS, que o Goberno provincial levará a pleno durante o vindeiro mes de outubro e que incluirá entre outras cuestión investimentos como obras de rehabilitación e conservación de instalacións deportivas e culturais e parques e xardíns, alumeado público, protección e mellora do medio natural, ou eliminación de barreiras arquitectónicas.

O Goberno provincial incorporará ademais as subvencións nominativas comprometidas no orzamento polo anterior Goberno, pero que estaban pendentes aínda da súa aprobación en pleno e que supoñen un investimento aproximado de tres millóns de euros, que se sumarán aos máis de 30 millóns do PAS.

Ao remate da explicación das liñas fundamentais desta iniciativa, houbo un turno de intervencións na que os alcaldes de diversos concellos da provincia tiveron a oportunidade de preguntar e achegar as súas propostas ao respecto deste Plan.

28 de setembro de 2015 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.