A Deputación da Coruña participa no programa Donostia 2016 cun proxecto sobre a diversidade cultural e lingüística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exterior
A-
A+

A Deputación da Coruña participa no proxecto de promoción e defensa da diversidade cultural e lingüística Tosta Cargo dentro do programa Donostia-Capital Europea da Cultura 2016. Grazas a esta colaboración, a cultura galega será unha das protagonistas da iniciativa que viaxará en barco a través da Europa Atlántica co obxectivo de celebrar e difundir a diversidade cultural e lingüística.

“O proxecto, que apoiamos desde as áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña, abre a posibilidade de internacionalizar a nosa lingua e buscar puntos de encontro entre as distintas comunidades”, sinalou a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, que presentou o proxecto despois dunha xuntanza na sede da Deputación na que tamén participaron o responsábel da Área de Cultura, Xosé Regueira, os membros da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira -presidente-, Paulo Filgueiras e Marta Pazos e os representantes de Donostia 2016, Asier Basurto e Imanol Otaegi.

O proxecto Tosta Cargo é a embaixada itinerante do Faro das Voces, un dos tres eixos nos que se articula o programa de Donostia Capital Europea da Cultura 2016. Tosta Cargo preséntase como un proxecto de colaboración entre axentes culturais das comunidades lingüísticas minoritarias do Eixo Atlántico no que participan Gales, Escocia, Irlanda, Frisia, Cornualles e o País Vasco, ademais da cultura e a lingua galega por medio da participación da Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Un “cargamento cultural” en contedores

A iniciativa materialízase no envío dun “cargamento cultural” en forma de contedores mariños que visitarán cada unha das comunidades. En cada un dos portos en que recale, organizarase no verán un festival para visibilizar as creacións d@s artistas participantes e festexar a diversidade lingüística dos distintos países. “A idea serve para mostrar que en galego estamos no mundo, que podemos relacionarnos en pé de igualdade nunha viaxe que é de intercambio artístico e cultural mais que pode espallar de maneira simbólica a idea de que a cultura ten a ver coa identidade e a cultura mais tamén coa mercadoría, que debe e pode funcionar nese ámbito comercial e económico”, explicou a vicepresidenta na súa intervención na rolda de prensa que se desenvolveu despois da xuntanza. O proxecto conxuga, segundo sinalou, a promoción da creación artística, a visibilización da diversidade cultural e o encontro de culturas en igualdade de condicións polo que “encaixa nas liñas de traballo que a Deputación vai desenvolver tanto nas áreas de cultura como de lingua”, anotou Sanmartín.

Por parte de Donostia 2016, Imanol Otaegi, debullou o proxecto que se desenvolverá en tres fases, unha primeira de intercambio de residencias artísticas, unha segunda na que o resultado será recollido nos contedores e difundido en distintos portos e unha final que terá lugar de maio a setembro de 2016 cando se celebren os distintos festivais pop-art en cada un dos portos dos países participantes. O proxecto rematará no País Vasco, no porto de Pasaxe, arredor do 26 de setembro, data na que se conmemora o Día Europeo das Línguas.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, destacou a capacidade da iniciativa de cara a “romper o descoñecemento das nosas linguas e as súas situacións e mostrar que a diversidade lingüística é un factor de unión, como o é o mar e o océanos que serven de metáfora”. “Servirá para celebrar algo que se esquece, que existe diversidade e que a lingua é a mellor creación do pobo. Daremos a coñecer a nosa e teremos oportunidade de achegarnos ás outras participantes no Tosta Cargo”, sinalou ao tempo que destacou o carácter “rompedor da iniciativa” e agradeceu o compromiso da Vicepresidencia da Deputación “coa lingua a través dunha iniciativa que reverterá ao país enteiro”.

No Tosta Cargo participan, entre outras entidades, Tapagunea (País Vasco), Celtic Neighbours (Gales), Ealain Na Gaeltachta (Irlanda), Proiseact nan Ealain (Escocia) e Golden tree Productions (Cornualles). Arredor do 75% do orzamento provén de Donostia-2016, programa no que participa o Concello de Donostia a Deputación de Guipuzcoa e o Goberno Vasco.

8 de setembro de 2015 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.