A Deputación da Coruña leva a Madrid unha exposición antolóxica do premio Luis Ksado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O TAI_LAB da Escuela Universitaria de Artes y Espectáculos de Madrid acolle dende hoxe a exposición retrospectiva do premio de creación fotográfica Luis Ksado, que reúne as dez series de instantáneas gañadoras deste certame dende a súa primeira edición no ano 1997.

Esta mostra antolóxica, que permanecerá na capital de España ata finais do mes de setembro e poderá contemplarse despois en varios municipios galegos, permitirá por primeira vez gozar dunha perspectiva conxunta de todos os traballos premiados ao longo da traxectoria deste certame fotográfico, convocado bienalmente pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros para o gañador, a publicación dun catálogo e a organización dunha exposición itinerante coas obras seleccionadas polo xurado.

En total exhibiranse máis dun centenar de instantáneas compiladas en dez series fotográficas de temática variada, que abarca dende a denuncia social á actualidade xornalística, pasando por escenas da vida cotiá. As series premiadas corresponden aos traballos realizados durante estes anos polos fotógrafos Xosé Abad, Xulio Villarino, Peter Marlow, Vari Caramés, Fernando Fernández Páez, Miguel Riopa, Miguel Harguindey, Javier Arcenillas, Diego Vergés e Amador Lorenzo.

Nestes dezaoito anos de historia, o premio Luis Ksado consolidouse como un dos galardóns de referencia no campo da fotografía e o fotoxornalismo no noso país. Ademais, as actividades paralelas que se organizan con motivo da concesión do certame permitiron á provincia da Coruña contar con exposicións fotográficas de primeira liña como a World Press Photo e Historia de la Fotografía en España, ou que centos de coruñeses puidesen asistir a obradoiros nos que aprender os secretos da arte fotográfica da man de profesionais internacionais da talla de Letizia Battaglia, Joan Fontcuberta, Chris Steele-Perkins ou Richard Kalvar, entre outros.

10 de setembro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.