A Deputación da Coruña estreita colaboración co Consorcio das Mariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña “manterá e estreitará” os seus lazos de colaboración co Consorcio das Mariñas en materias como os servizos sociais. Este é un dos compromisos adquiridos esta mañá polo presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, tras a reunión de traballo que mantivo esta mañá co seu homólogo da entidade supramunicipal, José Antonio Santiso, e á que asistiu tamén o deputado Julio Sacristán.

En concreto, a institución provincial manterá a achega que, a través dun convenio, destina anualmente a financiar un servizo de asesoría xurídica especializada no ámbito dos servizos sociais, da que se benefician persoas en risco de exclusión social, vítimas de malos tratos ou persoas con diversos tipo de problemas de carácter social dos nove concellos que integran o Consorcio: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.

Actualmente, a área de servizos sociais é un dos principais ámbitos de actuación do Consorcio das Mariñas, xunto con accións de inserción sociolaboral, de promoción económica ou de recollida de lixo, cuxas taxas son xestionadas polo servizo de Xestión Tributaria e Recadación da institución provincial.

Santiso explicou a González Formoso algúns dos retos inmentes que enfronta o Consorcio, como a súa conversión en mancomunidade, así como os proxectos e obxectivos de futuro da entidade en función das competencias que asuma o novo ente supramunicipal.

Nesta primeira toma de contacto, que ambos dirixentes cualificaron de cordial e produtiva, González Formoso e Santiso Miramontes deixaron a porta aberta a novas posibilidades de colaboración no futuro, co obxecto de prestar aos cidadáns desta área xeográfica “máis e mellores servizos, de xeito máis coordinado”.

8 de setembro de 2015 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.