A Deputación da Coruña duplica o apoio económico ao Museo do Pobo Galego
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín e o deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira, mostraron o seu compromiso co Museo do Pobo Galego tras unha xuntanza con Xusto Beramendi e Xosé Manuel González Reboredo, presidente e membro do padroado.
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín e o deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira, comprometéronse a incrementar o apoio económico ao Museo do Pobo Galego, entre outras vías, duplicando a cota anual que aporta a Deputación que pasará de 15.000 a 30.000 €. A Deputación colaborará tamén, a través do seu servizo de imprenta, na edición da revista Adra, da Asociación de Amigos do Museo.
40 anos da fundación
Os profesores e investigadores Xusto Beramendi e González Reboredo, membros do padroado, expuxeron tamén a preparación da celebración do 40 aniversario da fundación do Museo que se conmemorará o vindeiro ano. A Deputación participará na celebración para a que se está a deseñar un plan director e un programa especial de actividades.











