A Deputación da Coruña colabora coa Nova Escola Galega en iniciativas para educar en igualdade
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, reuniuse coa presidenta de Nova Escola Galega, Mª Dolores Candedo, co fin de estudar posíbeis colaboracións nos ámbitos educativos, de igualdade e de promoción da lingua galega.
Na sede institucional do Pazo Provincial, a presidenta de Nova Escola Galega, Mª Dolores Candedo, expúxolle á vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, diversas liñas de colaboración de cara a promoción da igualdade e a lingua galega no ámbito educativo, eixos de actuación da súa entidade.
Após intercambiar pareceres a respecto das necesidades e retos máis importantes do sistema educativo, Sanmartín e Candedo coincidiron á hora de sinalar a necesidade de reforzar liñas de actuación no ensino orientadas tanto á eliminación da desigualdade como a promover o uso do galego nas aulas. Na xuntanza estudaron vías de colaboración, tanto de apoio á Revista Galega de Educación como a posíbeis iniciativas propostas para a súa aplicación na escola pública.











