A Deputación da Coruña apoia as reivindicacións do sector lácteo
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o deputado responsable da área de Economía da institución provincial, Antonio Leira, participaron hoxe na manifestación que se desenvolveu nas rúas de Santiago de Compostela para mostrar o apoio do Goberno provincial ás reivindicacións do sector lácteo galego.
Sanmartín manifestou na súa participación na mobilización o compromiso na defensa “dunhas condicións dignas de traballo e un prezo xusto para o leite para o que é urxente que se tomen medidas políticas que garantan o dereito de milleiros de familias a producir”.
Goretti Sanmartín cualificou a situación de “dramática e insostíbel” para as explotacións gandeiras que están a padecer prezos ruinosos por baixo dos custes de produción e condicións de abuso por parte da industria que mesmo está a deixar de recoller o leite en moitas ocasións. A vicepresidenta quixo mostrar o seu apoio ás reivindicacións do sector lácteo e o seu compromiso para que desde a Deputación se tomen posicións que contribúan a conseguir as súas demandas.
Dirixiuse ao Goberno Galego e ao Goberno do Estado para lles reclamar implicación na loita do sector gandeiro e a aplicación de mecanismos para esixir tanto ás industrias como aos primeiros compradores a recollida da totalidade do leite. Sanmartín demandou tamén do goberno da Xunta que, á vista da crise que está a padecer o sector, actúe de maneira decidida co fin de asegurar un prezo xusto para o leite que cubra os gastos de produción ademais do compromiso de todas as administracións competentes na elaboración dun Plano Estratéxico para o sector lácteo que garanta o futuro para o agro galego.











