A Deputación achegará ao Concello de Pontevedra 500.000 euros para o saneamento do río dos Gafos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegará 500.000 euros para sanear o río dos Gafos en Pontevedra. Así se aprobou onte na comisión informativa de Economía, Facenda e Réxime Interno, á que se levou unha proposta de modificación de crédito. O vicepresidente provincial e deputado responsable da área, César Mosquera, lembrou que a mellora do leito fluvial no seu tramo urbano e rural é un proxecto “fundamental” para o municipio de Pontevedra, que leva parado moitos anos e debe saír adiante canto antes, xa que as verteduras de augas residuais polos desbordamentos das arquetas son constantes.

O novo proxecto de mellora da rede de sumidoiros do río dos Gafos foi redactado por técnicos municipais e aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra en xullo de 2014. A actuación consiste na reparación e substitución dos colectores e na impermeabilización ou cambio dos pozos situados ó longo do río. O primeiro tramo da actuación comprende a avenida da Estación e a rúa Otero Pedrayo, onde se substituirán 400 metros de canalizacións e se repoñerán conexións de augas pluviais e fecais. O segundo tramo discorre paralelo á senda peonil do río, entre a rúa Otero Pedrayo e Lusquiños (Tomeza), onde se cambiarán 1.740 metros de tubaxes e 80 pozos. En todas as zonas nas que sexa posible os tubos afastaranse do leito do río. A execución, segundo estiman os técnicos municipais, podería ser de seis meses e ter un custo de case 1,2 millóns de euros.

A colaboración da Deputación no saneamento dos Gafos xorde polo coñecemento da necesidade dunha actuación urxente no río. De feito, o vicepresidente, César Mosquera, lembrou que outras administracións se desentenderon deste proxecto a pesar de telo incluído hai anos nun convenio co Concello de Pontevedra. “A Deputación vai colaborar nun proxecto ó que o Goberno local de Pontevedra lle dá prioridade e a nosa vontade é ir da man dos concellos”, sinalou.

O proxecto para sanear o río dos Gafos estaba incluído no informe de actuacións necesarias entregado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, á presidenta provincial, Carmela Silva, no encontro mantido hai uns días.

22 de setembro de 2015 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.