A depuradora de Ourense triplicará a capacidade de tratamento para cubrir as necesidades futuras de 350.000 habitantes

Ethel Vázquez na visita ás obras da EDAR
Ethel Vázquez destaca que a execución da depuradora de Ourense é un exemplo de coordinación e compromiso institucional a prol da mellora da calidade das augas. Así o manifestou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que supervisou os traballos de execución desta infraestrutura hidráulica. Nesta visita tamén estiveron presentes o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.
Ethel Vázquez adiantou que a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ourense entrará en servizo no primeiro semestre do vindeiro ano, triplicando a capacidade de tratamento ao satisfacer as necesidades futuras de 350.000 habitantes.
Esta intervención conta cun investimento de 59,3 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achega máis de 10 millóns. Esta infraestrutura hidráulica xorde, pois, froito da colaboración institucional entre tres administracións: estatal, autonómica e local. Neste sentido, Vázquez subliñou a importancia de xuntar esforzos para lograr un obxectivo fundamental como é mellorar o estado ecolóxico das augas.
A conselleira reiterou que este é mostra da actitude comprometida e responsable dun concello, o de Ourense que, independentemente da súa cor política, sempre foi consciente das súas obrigas en canto ao saneamento e á depuración das augas; asume a xestión e exerce as súas competencias nesta materia; e agradece a colaboración e o apoio técnico e financeiro que lle prestan Xunta e Ministerio.
A titular de Medio Ambiente certificou que as obras marchan a bo ritmo, precisando que actualmente está executado o 100% das cimentacións e o 95% da obra civil.
Ethel Vázquez explicou que esta depuradora, situada na zona de Reza, na que está a colaborar a Xunta, ten unha importancia estratéxica para esta cidade, que reportará grandes beneficios para o contorno e para o río Miño.
A responsable de Infraestruturas remarcou que o obxectivo fundamental destes traballos é garantir o saneamento e a depuración das augas e lograr unha xestión máis eficaz e eficiente que redunde nunha mellor prestación de servizos aos cidadáns.
Vázquez concretou que esta infraestrutura reducirá as afeccións ambientais ao diminuír os consumos de enerxía; eliminar a emisión de olores; e contar coas máis modernas tecnoloxías de depuración que posibilitarán, por exemplo, a valorización de lodos para o seu uso agrícola. Engadiu que estas instalacións permitirán dotar á cidade dunha nova zona verde no lugar das antigas inmediacións.











