A demencia é un mal que afecta a 700.000 españois e que vai en aumento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Dr. Alfredo Robles, director da Unidade de Neuroloxía cognitiva da Rosaleda, presentou este mércores no Hotel Monumento San Francisco de Santiago o seu novo libro, El rincón de la demencia, unha obra que recompila case medio centenar de artigos publicados nos últimos meses por este especialista.

Tal como explicou o autor, a “frecuencia e gravidade” da demencia, unida ao seu “alto custo psicolóxico e económico” levoulle “a sentir a tentación de transmitir algúns aspectos do problema a moitas persoas que non coñezo e poderían estar interesadas”. De aí xurdiu a idea de escribir “algunhas reseñas de divulgación sobre a demencia”, comezando así, “dun modo informal, case lúdico unha experiencia literaria que durou un ano” e que agora ve a luz neste libro editado pola Fundación La Rosaleda e dispoñible xa nas librarías. 

Así mesmo, o Dr. Robles lembrou que máis de 50.000 galegos sofren algún tipo de demencia e moitos máis conviven con esta enfermidade que pode afectar a calquera persoa. Por iso á hora de abordar este tema, hai que ir moito máis alá da propia patoloxía, presentando contidos comprensibles e útiles tanto a quen se enfrontan a ela como á sociedade en xeral. O libro permite obter unha visión completa e real desta doenza “pero tamén achegarse a diversos aspectos da neuroloxía da conduta, a intelixencia e, en definitiva, ao ser humano”.

Xunto co autor participaron na presentación José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia e prologuista do libro e o director xerente dos Centros Sanitarios La Rosaleda, Rafael Silva, quen destacou a enorme importancia da especialidade que desenvolve o Dr. Alfredo Robles na sociedade actual. “Nunha sociedade envellecida como a nosa é esencial comezar a cambiar certas pautas asistenciais e a dar prioridade a especialidades que quizais antes non a tiñan de igual modo”, explicou. “Así o entendeu La Rosaleda hai xa varios anos, cando decidiu crear unha unidade específica de Neuroloxía cognitiva e contar para iso cun dos mellores especialistas da nosa comunidade, o Dr. Robles”. 

Tamén o Dr. Carro Otero destacou “a autoridade científica do autor”, avalada pola “excelente formación como especialista neurólogo con 34 anos de experiencia clínica e investigadora”. Pero aínda máis importante considera o presidente da Real Academia de Medicina a “enorme facilidade” con que se le cada un dos 41 artigos e “o aproveitamento” que pode facer dos mesmos “tanto un público xeral como os propios médicos”. Neste sentido, destacou o tratamento de “as problemáticas sociais, políticas e económicas que rodean a estas patoloxías” pero tamén a selección bibliográfica que reúne ao final do libro “70 citas recentes do último publicado nas máis acreditadas revistas médicas internacionais”, algo “particularmente útil para aqueles lectores médicos que desexen ir un pouco máis aló”.

Por outra banda, o Dr. Carro sinalou “a importancia da difusión de certas patoloxías, principalmente as que teñen maior proxección social, tanto polo seu efecto sobre quen as padecen como sobre os seus familiares e coidadores” para que “a adecuada divulgación das mesmas permita evitalas no posible ou polo menos enlentecer a súa evolución e facer máis benigno o seu prognóstico así como ter un menor impacto sobre as persoas circundantes implicadas”.

Día Mundial do Alzheimer

Con este mesmo obxectivo a Fundación La Rosaleda decidiu editar esta publicación e póla a disposición de todos os interesados coincidindo coa celebración o vindeiro martes do Día Mundial do Alzheimer, unha xornada dedicada a sensibilizar á sociedade acerca desta “epidemia do século XXI”, así como das súas consecuencias sociosanitarias e, doutra banda, a promover a prevención de unha patoloxía que afecta a máis de 3,5 millóns de persoas en España, entre quen a padecen directamente e os seus familiares coidadores.

Coordinou e foi un dos redactores do Documento Sitges, un texto destinado a aclarar cuestións ligadas á capacidade dun enfermo con demencia para tomar decisións, e onde se avoga por unha incapacitación parcial, progresiva e a medida para protexer a autonomía e respectar os dereitos dos enfermos. Tamén é autor do Manual de información y consejos para los convivientes de enfermos con deterioro cognitivo ligero, enfermedad de Alzheimer y otras demencias.

17 de setembro de 2015 | 10:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.