A demarcación de Costas emprenderá a recuperación do sistema dunar de Baldaio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Visita ao sistema dunar de Baldaio

Visita ao sistema dunar de Baldaio

O Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, vén de visitar a lagoa de Baldaio e avanza que o seu departamento elaborará un proxecto para emprender a recuperación do sistema dunar situado na entrada da marisma que resultou danado como consecuencia dos temporais. Acompañado do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, tamén mantivo un encontro coas mariscadoras da Agrupación Fonte Santa Elena, que demandaron medidas que faciliten o seu labor, xa que a acumulación de area na boca da ría dificulta o intercambio mareal que permite a cría dos bivalvos.

Neste sentido, Eimil explica que, aínda que a “prioridade” é a recuperación do espazo natural, “se ademais a actuación pode beneficiar ás mariscadoras” intentarase compatibilizar os intereses de todas as partes, tamén coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente -a través da Dirección Xeral de Protección da Natureza- e da Consellería de Medio Rural e do Mar, coordinando a todas as administracións con competencia no espazo natural. Así, estudarase a posibilidade de retirar unhas pedras situadas na contorna da ponte grande que foran colocadas no seu momento para paliar as consecuencias do afundimento do “Prestige” e evitar a invasión de chapapote. Porén, cumprido o seu labor, agora as pedras dificultan o fluxo das mareas e favorecen a acumulación de area. Eimil sinala que podería ser posible incluir esta retirada no proxecto, xa que a limpeza do dominio público entra dentro das competencias do seu departamento.

Así mesmo, a reconstrución do espazo dunar tamén podería supoñer retirar parte da area acumulada na entrada da ría, xa que esta area formaría parte orixinariamente das dunas que pretenden recuperarse e tería sido arrastrada polos temporais á súa situación actual. De todos os xeitos, Rafael Eimil explicou que a Agrupación Fonte Santa Elena debe presentar un escrito no seu departamento detallando as actuacións que consideran precisas para solucionar o seu problema. A presidenta das mariscadoras, María José Felípez, demandou a axuda do Concello para a elaboración do escrito ao non contar a entidade con persoal administrativo, e o Alcalde, Evencio Ferrero, accedeu a prestar esa colaboración. En todo caso, o obxectivo principal das actuacións será contribuír á recuperación e bo uso do espazo natural da lagoa de Baldaio.

23 de setembro de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.