publicidade hoxe

A delegada da Xunta na Coruña visita as obras acometidas no CPI de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Belén do Campo na visita ao CPI

Belén do Campo na visita ao CPI

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, pasou este mediodía por San Sadurniño para comprobar o resultado dos traballos levados a cabo nas últimas semanas no CPI e dar conta da ausencia de incidencias nestes primeiros días do novo curso escolar, que arrancou a semana pasada en primaria e que mañá o fará en secundaria. Do Campo interesouse polas obras de ampliación das aulas de infantil e tamén por como quedou a cociña do centro, reparada o ano pasado tras sufrir un incendio.

Na nota de prensa enviada pola Xunta recórdase que a Consellería de Educación investiu arredor de 35.000 euros tanto nas reparacións como na construción das novas dependencias, ocupadas desde hai escasos días polos nenos e nenas de 4º e 6º de educación infantil. Belén do Campo declarou que o Goberno Galego “seguirá a traballar para avanzar na adecuación das infraestruturas e no mantemento dunha educación pública de calidade, que se materializa unha vez máis, na mellora das instalacións para un óptimo desenvolvemento da actividade lectiva”.

A delegada estivo acompañada durante a visita polo director do centro, Lois Anxo Rodríguez, polo alcalde, Secundino García, e polas concelleiras de Educación e de Igualdade, Sabela Íñiguez e Ana Belén Breijo. No percorrido polas instalacións tamén participaron o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana e o concelleiro e portavoz do PP, Manuel Romero.

Secundino García dixo que a adecuación das aulas de infantil “foi unha esixencia da comunidade educativa que tardou máis do debido en facerse realidade. A escusa que pon a Xunta é que tivo que facer fronte ao amaño da cociña e que por iso as obras se retrasaron. Agora sabemos que a ampliación das aulas e os destragos na cociña foron 35.000 euros, unha cantidade irrisoria que non xustifica de ningunha maneira ter os nenos e nenas durante un curso enteiro coma nunha lata de sardiñas”. 

O alcalde lembrou que a ampliación en infantil “é froito da presión dos pais e nais e da dirección do centro co apoio do Concello, que incluso aprobou unha declaración institucional ao respecto”. Secundino García lamentou que á visita deste mediodía “non fose convocada ningunha persoa da ANPA” e que, en cambio, a delegación da Xunta “si se preocupase por convidar ao portavoz municipal do PP”. O alcalde cualificou a cuestión como “unha falta absoluta de tacto, por non dicir de respecto, para cos pais e nais que pelexaron polo dereito dos seus fillos e fillas a dispor dun espazo axeitado”. Secundino García rematou asegurando que o paso de Do Campo por San Sadurniño, “semellou ter unha finalidade máis partidaria que institucional”

14 de setembro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.