publicidade hoxe

A D.O. Ribeiro protagoniza o menú harmonías nas xornadas Volvoreta Experiences de Madrid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorRibadavia
A-
A+

A D.O. Ribeiro será a protagonista vinícola na cea harmonías organizada para a noite do xoves, 17 de setembro no Hotel Eurostars Madrid Tower con motivo da segunda edición das xornadas gastronómicas Volvoreta Experiences.

A xornada consistirá nunha suxerente velada onde o chef Pepe Solla, xunto co chef executivo de Eurostars Madrid Tower, Miguel Ángel Lasheras e o chef gastronómico do restaurante Volvoreta, Pablo García elaborarán un menú con produtos de Galicia Calidade onde a sumiller Cristina Alcalá presentará os viños da D.O. Ribeiro que acadan a harmonía perfecta con cada un dos pratos.

Os viños participantes nas xornadas son diversos e resultado dunha sabia combinación de variedades autóctonas de uva branca como a Treixadura, Godello, Loureira, Albariño, Lado… As marcas participantes neste evento son Alberte, Antonio Montero Autor, A Telleira, Casal de Armán, Colección 68, Cunqueiro III Milenium, Finca Viñoa, Gran Alanís, Pazo Casanova, Val de Souto e Vilerma, todos da colleita 2014. 

O evento, que terá lugar no Restaurante Volvoreta, cunha incrible vista da capital madrileña, dará comezo ás 20.30 horas e reunirá aos espadas da gastronomía e medios de comuncación de Madrid. Os convidados á especial cita poderán descubrir ademais unha auténtica xoia da enoloxía, o viño Tostado do Ribeiro, da man do chef que propón unha crema de castañas ao Tostado de Costeira 2009 acompañando o porco leitón;  unha delicia.

16 de setembro de 2015 | 20:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.