A D.O. Ribeiro e Carlos Blanco alíanse na terceira cita de Enocións by Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro e Carlos Blanco, actor, autor e monologuista, suman forzas na terceira e derradeira actividade do programa Enocións by Ribeiro, que se vai celebrar o xoves 10 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago. Carlos Blanco ofrecerá un monólogo no que estarán moi presentes o mundo do viño e máis as emocións que se viven ao rematar o Camiño: ledicia, gratitude, optimismo… ao mesmo tempo que os asistentes poderán degustar referencias de catro destacadas adegas: Casal de Armán, Reboreda, Viña Costeira e Pazo Casanova, da man do director do Instituto Galego do Viño (INGAVI) e sumiller del restaurante Pepe Vieira, Xoán Cannas.Do mesmo xeito organizaranse grupos reducidos para coñecer a exposición Camiño. A orixe, que se desenvolve ata o día 13 de este mes.
O programa Enocións by Ribeiro quere reflectir as emocións que xorden durante a peregrinación a Santiago, a través dos sentidos, harmonizando disciplinas artísticas cola degustación de catro viños da Denominación de Orixe que mellor expresa a esencia de Galicia.
A xornada comezará ás 19.00 horas no Museo Centro Gaiás, cun prezo de 12 euros. As entradas están á venda en www.ataquilla.com; na Reixa Tenda, de Santiago de Compostela; e na sede do C.R.D.O. Ribeiro, en Ribadavia. Toda a información está no portal web www.movimientoribeiro.com
As sesións anteriores do Enocións by Ribeiro esgotaron ás súas entradas e contaron coa música de Guadi Galego, a gastronomía de Pepe Solla, as fotografías de Xurxo Lobato, a catadora Cristina Alcalá ou a animación de DJ Analís.
A exposición Camiño. A orixe, que vive os seus últimos días aberta, presenta unha selección de 150 obras de arte e 11 intervencións artísticas, para amosar unha visión contemporánea da ruta. Trátase dun proxecto dirixido por María García-Alén que se remonta no tempo ata o ano 820 d.C, co eremita Paio atopando a tumba do Apóstolo. Esta mostra conta con obras mestras de artistas como Durero ou Murillo, procedentes de institucións como a Galería Uffizi ou o Museo do Prado, e outras pezas dun alto valor cultural. Ademais, Camiño. A orixe complétase co proxecto Lugares xacobeos, intervencións artísticas realizadas por creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Para o C.R.D.O. Ribeiro, estar presente dentro da familia de mecenas da Cidade da Cultura, e participar como patrocinador activo desta exposición sobre a orixe do Camiño de Santiago, é un paso máis cara a consolidación da marca Ribeiro no seu mercado vocacional, Galicia, o principal consumidor de viños D.O. Ribeiro. Esta histórica denominación remonta as súas orixes na viticultura ao Século X, cando a Orde do Císter púxoa en marcha dende o Mosteiro de San Clodio, en Leiro. Estes viños milenarios tiveron o seu primeiro mercado en Compostela grazas ao Camiño de Santiago.
Dentro do seu plan estratéxico o C.R.D.O. Ribeiro continúa o seu planeamento de accións acordes á historia, a profesionalidade na xestión, a busca da excelencia na calidade, e a potenciación da marca, unha das mais recoñecidas de España.











