A Coruña mobiliza os recursos institucionais e sociais dispoñibles para ofrecerse como cidade refuxio
O Concello leva uns días traballando con diversas cidades do Estado, como Valencia, Madrid ou Barcelona entre outras, así como con múltiples entidades do tecido social da Coruña para poñer o municipio a disposición dos e das refuxiadas sirias. “É urxente facer algo para poder aportar o noso gran de area e paliar a situación de miles de persoas que están percorrendo Europa nunha situación humanitaria acuciante”, explicou o alcalde, Xulio Ferreiro.
O rexedor coruñés explicou aos medios de comunicación que a extrema situación que se está a vivir nas fronteiras europeas será tratada na reunión que mañá venres manterá con sete alcaldes e alcaldesas máis en Barcelona. “Con toda probabilidade un dos puntos da orde do día será o artellamento da rede de cidades refuxio”, indicou Ferreiro, que comentou que nestas últimas xornadas “o Concello púxose en contacto con ONG´s e outras asociacións de carácter social da cidade, ademais de testear os seus recursos propios e a vontade da cidadanía, de cara a poñer todos os recursos posibles a disposición dos refuxiados e refuxiadas sirios que están pasando por este calvario”.
“En Barcelona, ademais de sentar as bases da creación desta rede de cidades refuxio e as formas de traballar en liña, queremos facer unha sorte de manifestación simbólica de carácter máis político. Hai que chamar á responsabilidade as autoridades comunitarias e do Estado para que, máis alá de dar saída á problemática destes refuxiados, poñan todos os mecanismos ao seu alcance para parar esa guerra civil que vive Siria e que se mantén dende hai demasiados anos”, comentou.
A este respecto, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, aclarou que, se ben as diversas cidades, como A Coruña, que se están ofrecendo a poñer os seus recursos á disposición dos refuxiados e refuxiadas están a actuar de forma inmediata, “é necesario tamén presionar a quen realmente ten competencias neste asunto que é o Goberno e o Ministerio, que debe facer o seu traballo e tomar medidas ao respecto”. “Queremos que a administración central actúe xa, consideramos que axudar a estas persoas é unha obriga humanitaria e por iso apelamos á responsabilidade do Executivo central, a quen hai que esixirlle que aporte os recursos necesarios”, indicou.
Por outro lado, a concelleira de Igualdade e Diversidade adiantou que o próximo luns manterá unha xuntanza na que están convocadas todas as entidades sociais da cidade do ámbito das migracións e o acollemento, así como diversas asociacións benéficas para afondar sobre os recursos que pode ofrecer a cidade para paliar esta situación. “Á parte de explorar as opcións que ten o Concello, o que podemos aportar nós e o que poden aportar as entidades, faremos un chamamento á cidadanía para valorar a posibilidade de montar unha rede de acollemento en domicilios”, avanzou.











