A Coruña conmemora este luns 21 de setembro o Día Mundial do Alzheimer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Este luns conmemórase o Día Mundial do Alzheimer, que ten como obxectivo dar maior visibilidade ás persoas que sofren algún tipo de demencia e ás súas familias. Este ano, o lema elixido pola federación galega de Alzheimer, á que pertence AFACO, é No Alzheimer, ti es unha peza importante. Con iso búscase o compromiso da sociedade, facéndolle ver a problemática que supón a enfermidade e tratando de incidir na importancia que ten a súa participación para que, entre todo, podamos conseguir que o Alzheimer sexa considerada unha prioridade de saúde pública por parte das Administracións.  

Para contribuír á sensibilización social, este luns 21, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO) ten previsto instalar, durante todo o día, mesas informativas en diferentes puntos da Coruña, de Santa Cruz e de Betanzos. 


Ademais, a iluminación da Torre de Hércules (a partir das 21:00)e do castelo de Santa Cruz (de 22:00 a 01:00) será morada, unha cor empregada para simbolizar a enfermidade.

AFACO leva 20 anos atendendo a persoas afectadas dalgún tipo de demencia de A Coruña e da súa área metropolitana, así como ás súas familias, e foi pioneira na implantación de tratamentos non farmacolóxicos. 

20 de setembro de 2015 | 11:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.