A consellería de Traballo aposta polo espírito emprendedor e a creación de empresas para impulsar o emprego entre a xuventude

Clausura do programa. Foto: C. Paz
A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, salientou hoxe que un dos eixos da Consellería de Traballo e Benestar pasa polo “apoio firme ao traballo por conta propia, o espírito emprendedor e a creación de empresas” para impulsar o emprego entre a mocidade.
Carmen Bouso clausurou o programa de creación e consolidación de empresas da Cámara de Comercio de Santiago e, na súa intervención, lembrou que, como novidade, o departamento autonómico puxo en marcha este ano un programa específico para mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que pretendan desenvolver a súa actividade como autónomos en Galicia, cunha dotación de 2,3 millóns de euros.
Segundo explicou Carmen Bouso, esta iniciativa conta con dous tipos de axuda: subvencións para o establecemento de mozos e mozas como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia de entre 7.500 e 10.000 euros; e outra para a posta en marcha de iniciativas de autoemprego xuvenil, cunha contía de 1.200 euros. O prazo de presentación de solicitudes esténdese ata o 30 de setembro.
Para inscribirse no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil é necesario ter nacionalidade española ou ser cidadán europeo ou estranxeiro que resida en España, estar empadroado en calquera municipio español, ser menor de 30 anos, non ter traballado nos 30 días anteriores á solicitude, e non ter recibido accións educativas de máis de 40 horas mensuais nos 90 días anteriores.
A directora xeral destacou que o departamento autonómico seguirá a apoiar o labor dos emprendedores e autónomos e fixo fincapé na aposta do Goberno galego pola mocidade neste eido. Resaltou que o Goberno galego seguirá a impulsar o traballo autónomo “facendo atractiva esta vía de incorporación ou reincorporación ao mercado laboral para a mocidade”.











