A Consellería de Educación dotará dun xefe de estudos adxunto ao CEIP A Lomba
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotará ao CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa) dun xefe de estudos adxunto que desenvolverá tarefas de apoio no centro denominado Anexo. Así o confirmou esta mañá o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, quen explicou que se trata dunha decisión excepcional derivada das particularidades deste centro de ensino.
Neste sentido, cómpre sinalar que o CEIP A Lomba consta de 2 edificios, un na zona de A Xunqueira, á entrada de Vilagarcía pola zona de Cambados; e un Anexo no centro da vila na saída a Carril. A distancia entre ambos os dous foi o motivo que levou á Inspección educativa a ditar un informe favorable á incorporación dunha persoa adxunta á Xefatura de Estudos que facilite a organización do curso escolar no Anexo.
Con esta decisión a Consellería de Cultura e Educación dá resposta ás demandas da comunidade educativa do CEIP A Lomba, que solicitou que se conservara este posto. Con esta persoa adxunta e a dotación de persoal existente o departamento educativo da Xunta de Galicia garante o correcto funcionamento do colexio nos seus dous edificios, así como a debida atención ao seu alumnado, segundo o indicado polo informe da Inspección.











