A Consellería de Benestar presenta o novo modelo galego no I Congreso Estatal de Servizos Sociais en Vitoria
Galicia participa hoxe e mañá en Vitoria no I Congreso Estatal de Servizos Sociais, un foro no que hoxe interveu a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, para explicar os avances sociais acadados en Galicia nos últimos anos.
A responsable do departamento autonómico expuxo as características principais do novo modelo social que se está a implantar en Galicia baseado en catro carteiras: de atención á dependencia e promoción á autonomía; para persoas maiores e/ou con discapacidade con autonomía; para a infancia, a familia e adolescencia; e a carteira de inclusión social.
Piñeiro indicou que con este novo modelo o que se regula é o servizo que se presta e non o equipamento desde o que se oferta, o que permite, segundo explicou, ofrecer máis dun servizo desde unha mesma instalación optimizando os equipamentos e facilitando a aproximación ao entorno dos usuarios, incluso, prestándoos no mesmo domicilio.
Outras das vantaxes deste modelo, tal e como apuntou Piñeiro, é o recoñecemento das diferentes necesidades entre discapacidades e o regulamento específico para cada unha delas; a desaparición do límite de idade para o acceso aos servizos de dependencia; a compatibilidade de servizos e a consolidación das tecnoloxías como instrumentos de apoio na atención ás persoas.
Piñeiro, ademais, resaltou a importancia de deseñar unha estratexia para previr a dependencia como xa fixo Galicia co obxectivo de reducir a distancia entre a esperanza de vida e a esperanza de vida libre de dependencia. “A estratexia da Xunta non é só un compromiso de medidas de Goberno, senón tamén unha guía orientativa para o conxunto da sociedade”, apuntou.
A secretaria xeral de Política Social expuxo tamén en Vitoria as liñas de traballo que se están a levar a cabo na comunidade galega para acadar unha verdadeira coordinación entre os sistemas socio-sanitario e educativo. Para elo, a Xunta está a desenvolver unha planificación conxunta e coordinada e froito disto é o Plan Marco de coordinación socio-sanitaria ou a creación da rede autonómica de atención temperá.
Piñeiro destacou a importancia de compartir un sistema único de información e, deste xeito, sinalou que o Goberno galego está a levar a cabo un proxecto que lidera a Axencia galega de Modernización Tecnolóxica para crear unha historia socio-sanitaria electrónica.
Para concluír, a secretaria xeral afirmou que “Galicia está a mellorar a eficiencia e a equidade dos servizos públicos, ao adaptarnos ás preferencias de atención das persoas, e estamos a traballar para acadar servizos próximos ao usuario, que sexan innovadores, flexibles e compatibles entre si, coordinados con outros sistemas contribuíndo a unha actuación integral sobre as persoas, que actúen desde un enfoque preventivo e garantan a continuidade dos coidados e que estean facilitados por innovacións tecnolóxicas”.











