A conselleira de Sanidade destaca a colaboración levada a cabo polo Sergas e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra

Mosquera na xornada farmacéutica en Vigo
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, destacou hoxe, data na que se conmemora o Día Mundial do Farmacéutico, a posta en marcha do Programa de detección da diabetes e educación sanitaria en farmacias comunitarias e atención primaria de Pontevedra, iniciativa que está consensuada entre o Colexio Farmacéutico de Pontevedra e o Servizo Galego de Saúde, e que vai facilitar a detección da diabetes de xeito precoz, reducindo, deste xeito, a gravidade desta patoloxía, ademais das futuras complicacións e ingresos hospitalarios asociados á mesma. Asemade, posibilitará promover estilos de vida saudables que modifiquen o estado de risco alto ou retrasen a aparición da enfermidade. Tamén destacou a colaboración entre o Sergas e os colexios de farmacéuticos en iniciativas como a receita electrónica, a cal no se podería poñer en marcha sen o esforzo e compromiso dos farmacéuticos.
A titular da carteira sanitaria pronunciou estas palabras no acto de inauguración da II Xornada Farmacéutica do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra: “Presente e futuro da profesión farmacéutica: retos e compromisos profesionais”, acto que se celebrou na cidade olívica e no que estivo presente a presidenta do Colexio, Alba Soutelo.
Segundo a titular da carteira sanitaria do Executivo galego, é fundamental implementar programas que garanten unha continuidade de coidados e unha coordinación entre os profesionais, o que supón un elemento de mellora da calidade asistencial desexable para todos os pacientes.
O futuro da profesión farmacéutica pasa por iniciativas como a reseñada pola conselleira, que reforzan o papel do profesional farmacéutico dentro dos equipos multidisciplinares de atención á saúde, cuxo centro de atención debe ser sempre o paciente. Tal e como destacou Rocío Mosquera, os colexios profesionais sanitarios e os sistemas públicos de saúde están obrigados a colaborar de preto. Os pacientes e a cidadanía depositan a súa confianza nestas institucións para que se lles preste unha asistencia personalizada, coa mellor tecnoloxía e calidade, e dunha maneira eficiente e eficaz. Ao respecto, contamos, -subliñou a titular da carteira sanitaria-, coa implicación, o traballo e o compromiso dos nosos excelentes profesionais.











