A confederación de empresarios galegos traslada o seu apoio a Ence
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, trasladou o apoio da patronal galega a Ence, e valorou os investimentos que prevé na súa planta de Lourizán, na ría de Pontevedra. Nunha convocatoria ante os medios de comunicación, Alvariño mandou así unha mensaxe de “apoio” á pastera, a permanencia da cal na ría xera un amplo debate tanto na capital do Lérez coma en Galicia.
O ánimo á compañía, segundo subliñou, envíao tanto dende a presidencia da patronal como por parte dos catro vicepresidentes, que son os responsables das confederacións provinciais e cos que se reuniu recentemente para tratar este entre outros temas.
Así, o representante da CEG referiuse ao feito de que a fábrica de Lourizán sexa “xeradora de riqueza” e valorou os “compromisos claros” de investimentos na cidade, para pedir que non se lles poñan trabas.











