A concellería de Medio Ambiente de Ames programa on obradoiro de fornos e cociñas solares
Como cociñar co sol, como construír fornos solares de baixo custe e onde atopar estes fornos e outros tipos de cociñas solares son os obxectivos de “Cociña co sol”, o obradoiro de fornos e cociñas solares que a Concellaría de Medio Ambiente vai desenvolver este sábado, 12 de setembro, na Aula da Natureza da Ameixenda. A actividade é gratuíta e está dirixida a público adulto. As inscricións poden realizarse na concellaría de Medio ambiente, na Casa do Concello, en Bertamiráns, a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org ou do teléfono 660 004 665 ou na páxina de facebook.com/concelloames.
Juan Bello Llorente, profesor de edificación e obra civil do CEIP Someso de A Coruña, será o encargado de introducir aos veciños e veciñas de Ames no mundo da cociña con enerxía solar. As persoas que asistan ao obradoiro entenderán o funcionamento de fornos e cociñas solares e adquirirán nocións de como se pode cociñar empregando como fonte de enerxía a radiación solar, e mesmo como se poden construír fornos ou cociñas solares empregando materiais próximos e de custo reducido.
“Con este obradoiro pretendemos acerca o uso da enerxía solar como forma alternativa máis sostible, segura y limpa á hora de cociñar. As cociñas solares son inxenios de fácil construción que presentan moitas vantaxes e as súas limitacións non impiden que sexan un complemento ideal de outros sistemas convencionais”, manifesta a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, ao tempo que declara que a información que se ofrecerá no obradoiro é importante tamén porque probablemente axudará a tomar conciencia e que provocará que moitos dos asistentes comecen a propoñerse utilizar este tipo de enerxías e difundan os seus beneficios”.
No obradoiro de mostrarán diferentes tipos de fornos e cociñas solares, entre eles a cociña solar parabólica de concentración, modelos de cociñas tipo panel de concentración, fornos solares de baixo custo realizados con materiais recuperados ou reciclados e fornos solares inverno-verán construídos empregando cortiza como illamento natural. Ademais ensinarse a identificar os diferentes sistemas de acumulación, concentración e combinados. Daranse nocións sobre os principios de funcionamento dos fornos e sobre o modo de captar a radiación solar, orientación e inclinación, formas de transmisión de calor, illamento e transformación da luz solar en calor. Ofrecerase tamén información sobre as técnicas de construción, materiais empregados e ferramentas necesarias, e falarase do emprazamento idóneo destes fornos e cociñas solares.
Cómo cociñar co sol
O obradoiro terá tamén unha vertente práctica posto que se ofrecerán as bases para que cada participante poida construír o seu propio forno solar na casa, coa axuda de 3-4 amigos ou familiares e nunha soa tarde. Neste senso ofrecerase información sobre os sistemas concentración de alta potencia. Media e baixa. Falarase dos utensilios de cociña -potas, bandexas e tapas- as cores e os materiais máis axeitados para utilizar nestes fornos, Terase en conta o procesado dos alimentos, a cocción, o forneado, a fritura, as temperaturas e os tempos de cocción. Analizaranse que alimentos se poden cociñar ao sol e daranse pratos e receitas.
Os fornos e cociñas solares constitúen unha ferramenta didáctica de gran capacidade para entender conceptos moi importantes de aplicación no aproveitamento das enerxías renovables, a eficiencia enerxética, no uso racional da enerxía e na economía de recursos, e a súa aplicación na vida cotiá.











