A concellaría de Educación e Cultura de Ames non prorroga o contrato a Eulen e asume a coordinación e programación dos obradoiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A concellaría de Cultura asumirá directamente a xestión dos obradoiros culturais municipais contratando a profesores/as de recoñecido prestixio e a empresas locais de garantida solvencia. No programa increméntase para este curso a oferta de actividades teatrais con Teatro Infantil e Xogo Dramático para nenos e nenas ata doce anos e Expresión Dramática para rapaces e rapazas de 12 a 16 anos. Medran tamén as actividades que xiran en torno ás Manualidades coa posta en marcha de Restauración, Técnicas Artesanais e Arte Miúda. Xedrez, Bailes de salón e latino, Baile tradicional e Gaita e Percusión completan o programa de Obradoiros Culturais 2015/2016, cuxo prazo de inscrición comeza hoxe e se prolongará ata o 18 de setembro.

Ábrese o prazo de inscrición para os Obradoiros de Cultura do concello de Ames para o vindeiro curso 2015-2016, con importantes novidades. A máis destacable é a ruptura coa primeira prórroga de contrato de servizo que se mantiña coa empresa EULEN. S.A, asumindo directamente a Concellaría de Educación e Cultura a coordinación e programación de todas as actividades.“Dende a Concellaría de Educación e Cultura -continua Santomil- detectamos a necesidade de modificar algúns dos obradoiros, ampliando a oferta e o rango de idade para chegar a un maior número de usuarios e diferentes perfís de público, de xeito que poidan participar todas as persoas que o desexen. Variamos tamén algúns dos contidos programáticos, que consideramos que por obsoletos non estaban cumprido as necesidades esperadas. Tal é o caso dos obradoiros de teatro que engaden dous grupos novos, diferenciando os diferentes perfís de idades xa que atenden a necesidades distintas, tanto si falamos de aprendizaxe como de motivacións, e diferenciamos o teatro infantil e xogo dramático, da expresión dramática e o grupo municipal de teatro”.

E do mesmo modo que na oferta teatral, na oferta de manualidades tamén estará máis presente que noutras ocasións a franxa de idade adolescente. “O mesmo consideramos cos obradoiros de manualidades enfocados a un rango de idade que polo tipo de programa non atraía a público mais xove e engadimos aos dous grupos de manualidades que se viñan facendo, dous obradoiros de arte miúda, para os mais pequenos e pequenas da casa”, manifesta o concelleiro de Cultura. Estes obradoiros serán impartidos pola empresa Vagalume, asentada no Milladoiro.

Así as cousas, este ano a oferta de Obradoiros Culturais do Concello de Ames inclúe Baile tradicional que se impartirá na parroquia de Bugallido e que correrá a cargo, como en anos anteriores, da Asociación Cultural Os Castros; Teatro Infantil e Xogo dramático que impartirá a actriz Mónica Camaño, quen tamén se seguirá encargado do Grupo Municipal de Teatro; Expresión Dramática que correrá a cargo do actor e dramaturgo Zé Paredes; Xadrez, impartido en Bertamiráns por Alberto Dios, do club Promesas e no Milladoiro por Xoán Xosé Hidalgo, do club local Millarengo. As actividades de gaita e percusión correrán a cargo da Asociación Cultural Os Castros e se desenvolverán en Bertamiráns, Bugallido, Biduído e Transmonte. As clases de Bailes de salón e latino impartiranse en Bertamiráns e no Milladoiro e correrán a cargo da Escola de Danza Tomasón, a través dos prestixiosos profesores Orlando e Tania. No canto das manualidades, en Bertamiráns Aurora García impartirá en Bertamiráns e no Milladoiro Restauración e técnicas artesanais e Arte miúda correrá a cargo, como dicíamos da empresa local Vagalume.

O prezo dos obradoiros é de 50 euros para os maiores de 18 anos e 40 para os menores de 18. Ademais o segundo membro menos de 18 anos pagará 20 euros e o terceiro e restantes membros da familia menores de 18, pagarán 10 euros. O prazo de inscrición nos Obradoiros Culturais abrangue desde o 14 ata o 18 de setembro. A inscrición debe facerse de xeito presencial tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como no Pazo da Peregrina de Bertamiráns en horario de 9:00 a 14:00, horario que se amplía os días 14 e 15 de setembro á tarde, podendo inscribirse quen o desexe entre as 16:00 e as 18:00 horas. Para matricularse é requisito indispensable estar empadroado/a no Concello de Ames e non ter débedas pendentes de calquera tributo co Concello de Ames.

14 de setembro de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.