A Catedral de Santiago celebra unha misa pola peregrina americana Denise Thiem
A Misa do Peregrino que celebra a Catedral de Santiago ás 19,30 horas deste mércores será aplicada “polo eterno descanso da peregrina Denise Thiem”, que desapareceu mentres facía o Camiño. Presidirá a celebración o cóengo Daniel Lorenzo, e incluirá un pequeno recordo a peregrina falecida. As preces, ademais, serán lidas por un grupo de peregrinos norteamericanos.
O Cabido trasladou o seu pésame e proximidade á familia e achegados da falecida, así como a toda a comunidade de peregrinos norteamericanos.
O sábado, despois da detención dun home en relación coa busca da falecida, que posteriormente confesou ante a xuíza, o arcebispo Julián Barrio, ao termo da Misa do Peregrino, pediu unha oración pola alma da desaparecida.
Ademais, solicitou ao apóstolo Santiago “que a guíe a través do Pórtico da Gloria ata a presenza do señor” e mandou o seu afecto e o de toda a Igrexa á súa familia.











