A Brigada de Obras de Ames conta cun novo camión con grúa
O concello dispón dun novo camión para carga de materiais, equipado con grúa e cun peso máximo autorizado do entorno dos 6.500 quilos. Este camión permitirá, entre outras cousas, cargar asfalto para arranxar as pistas do rural que se atopan en mal estado, recoller sacos de herba e trasladar taboleiros e carpas. Ate o de agora moitas destas tarefas requirían do aluguer dun vehículo alleo, dado que o camión co que contaba a Brigada de Obras, ao levar incorporada unha grúa de 1000 quilos, excedía do peso máximo autorizado e apenas permitía cargar máis de 40 quilos de peso real. O novo vehículo adecúase ademais á circulación por camiños, pistas rurais e forestais e pasos a instalacións municipais de escasa anchura. Coa adquisición deste vehículo, a Brigada de Vías e Obras disporá de dous camións no parque móbil, posto que ao camión co que se contaba se lle vai quitar a grúa para poder volver a utilizalo noutras tarefas.
O concello dispuña dun camión para carga de materiais, equipado con grúa e cun peso máximo autorizado de 3.500 quilos. Dado que a grúa tiña un peso elevado que aumentaba dun xeito notable a tara (o peso do vehículo sen carga), resultaba que na práctica o camión para poder circular dun xeito legal, sen superar o peso máximo autorizado, e contando cun condutor e un acompañante, tan só podía cargar arredor duns 40 quilos de peso real, segundo acredita un informe do encargado da Brigada de Vías e Obras que realizou o pesado do vehículo nunha báscula.
Debido ao escaso peso que podía transportar, o devandito camión apenas se utilizaba e o Concello víase na obriga de alugar con certa frecuencia camións para o transporte de obxectos e materiais. Esta opción supuña un elevado custe para as arcas municipais e presentaba ademais o inconveniente de que ás veces os camións de aluguer non eran os máis axeitados para o servizo por ser demasiado grandes para pasar por algúns camiños e pistas de escasa anchura, principalmente na zona rural, e para acceder a algunhas instalacións municipais.
Diante desta situación encargóuselle ao persoal municipal á busca no mercado de segunda man dun camión con peso autorizado duns 6.500 quilos, de dimensións non demasiado grandes que permitiran unha boa maniobrabilidade nos camiños e no interior das aldeas. Atopouse un camión marca Renault, modelo Mascot que conta con caixa basculante e unha grúa instalada e homologada que o fai idóneo para as necesidades da Brigada de Vías e Obras do Concello.
“A compra deste camión non supón importantísimo investimento nin é unha desas obras que todo o mundo aplaude pola súa magnitude, pero é un vehículo que prestará un servizo moi necesario ao concello e redundará en beneficio dos veciños e veciñas de Ames”, declarou o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García.











