A autoridade portuaria de Vigo actuará no paseo marítimo de Bouzas ante o risco de esborralle p

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A situación de deixamento por parte do Concello de Vigo no mantemento e conservación do paseo marítimo de Bouzas, que se atopa, nestes momentos, nun claro estado de abandono, levou á Autoridade Portuaria de Vigo a tomar cartas no asunto, ante o risco de seguridade que leva para os vigueses que diariamente pasean por esta zona.

Segundo avanzou esta mañá o máximo responsable portuario, Ignacio López-Chaves, a institución que preside reforzará a estrutura dun tramo do paseo marítimo de Bouzas, situado fronte aos pantaláns da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas, ao supor ‘un grave perigo de esborralle’, como consecuencia do movemento dos pilotes que suxeitan a estrutura.

Tal e como relatou López-Chaves, de acordo co convenio asinado no ano 1997 entre a Autoridade Portuaria, a Zona Franca e o Concello de Vigo, reclamouse ao Concello a reparación da zona, xa que, segundo este convenio, corresponde ao consistorio vigués o mantemento e conservación deste paseo. 

Así mesmo, o propio Concello recoñece que é da súa competencia o mantemento e conservación do paseo, tal e como se recolle nun escrito con data 2 de febreiro de 2015 asinado pola entón Concelleira de Patrimonio, Carmela Silva, como consecuencia da caída dunha persoa na zona.

Tras visitar a zona, López-Chaves lamentou o ‘deixamento’ por parte do Concello das ‘súas obrigacións’, xa que o mantemento e conservación do paseo de Bouzas ‘brila pola súa ausencia’ e ‘nos últimos oito anos non se fixo nada’. 

Por iso, desde a Autoridade Portuaria de Vigo, ‘tomamos a decisión de sacar a licitación e adxudicar esta obra, para evitar que calquera día esa parte do paseo veña abaixo’, xa que ‘a seguridade das persoas está por encima de calquera outra cousa e aínda que non corresponde ao Porto nin o mantemento nin a conservación desta zona, será a Autoridade Portuaria a que leve a cabo esta obra’, aseverou. 

Substitución e reforzo dos alicerces

Segundo explicou López-Chaves, a obra que levará a cabo na zona consistirá na substitución e reforzo dos alicerces de sustentación do paseo de madeira nunha zona aproximada de 250 m2.

Así, en primeiro lugar, desmontarase a tarima e a estrutura de soporte do paseo, regularizarase a base do dique existente e, sobre ela, executarase unha laxa de cimentación que servirá de apoio aos novos alicerces, substituíndo aqueles que se atopen en mal estado por outros de aceiro. Por último, colocarase de novo o armazón portante e a tarima, prevendo a substitución puntual dalgúns elementos en mal estado.

O prazo de execución da obra será de 3 meses e o seu orzamento de adxudicación é de 30.759,93 €  (IVE incluído). As obras comezarán ao longo do mes de outubro, polo que poderían estar rematadas a finais de ano, se as condicións meteorolóxicas así o permiten.

29 de setembro de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.