A armada galega buscará a gloria en Hungría
A localidade húngara de Gyor será a sede do Campionato do Mundo de Maratón que se celebrará os próximos días 11,12 e 13 de setembro. Nos días previos tamén se celebrarán as competicións dos master, onde tamén contamos con presenza galega. Os deportistas da categoría senior son os que máis posibilidades teñen de conseguir grandes resultados, a condición de favoritos que levan algúns fai que as posibilidades de medalla sexan moi grandes.
Iván Alonso do Club Kaiak Tudense participará nesta cita mundialista nas modalidades de K1 e K2, na competición individual que se celebrará o sábado ás 14:45 sobre a distancia de 30km cun percorrido de 7 voltas e 7 porteos, tentará mellorar o subcampeonato conseguido en Oklahoma o ano pasado, para iso terá que superar ao actual campión do mundo o surafricano Hank Mc Gregor e ao actual campión de Europa o portugués José Ramalho, sen esquecernos do zamorano Emilio Merchán compañeiro de equipo de Iván que ademais será a súa parella na modalidade de K2. Nesta proba son favoritos xunto cos seus compañeiros, Walter Bouzán e Alvaro Fiuza e a parella surafricana formada por Hank Mc Gregor e Jasper Mocke actuais campións do Mundo, a todos eles haberá que sumarlle algunha embarcación húngara. Esta regata disputarase o domingo ás 14:30 sobre a distancia de 30km.
Na modalidade de canoa, hai varias opcións de medalla tanto en C1 como en C2. David Mosquera do Club Náutico Betanzos tentará subir ao podio despois de conseguir a prata no europeo de Eslovenia, terá como máximos rivais aos húngaros e ao seu compañeiro Tono Campos do Breogán do Grove que participará por 12º ocasión nun mundial e co obxectivo de sumar unha medalla máis á súa palmarés onde colgan un total de 10 metais, a proba disputarase o sábado ás 11:30 sobre unha distancia de 26km.
Óscar Graña e Ramón Ferro do Kaiak Tudense son por palmarés outra parella a seguir neste mundial, desde hai xa moitos anos esta C2 móstrase moi forte nas citas internacionais, a súa medalla de prata no campionato de Europa de Eslovenia faios favoritos á vitoria xunto coas parellas húngaras e a C2 formada por Tono Campos e José Manuel Sánchez del Club Náutico Betanzos que o ano pasado subiron ao segundo posto do podio en Okahoma. Esta competición terá lugar o domingo ás 11:30 e terán que remar 26km con 6 porteos.
Para o resto de participantes galegos as opcións de medallas non son tan claras, Nuria Villace do Club Náutico Betanzos participará en K1 e K2 senior, a embarcación dobre formaraa coa deportista de Mérida Estefanía Fernández, a mocidade desta parella non lles fai aínda favoritas ao podio aínda que o terán moi preto.
Raquel Rodríguez do E.P. Cidade de Pontevedra participará na modalidade do C1 muller senior, Damián González do Piragüismo Berducidoremára o C1 Sub 23 e David García do Club Náutico Firrete será o representante galego no C1 xuvenil.











