publicidade hoxe

A aprobación do PXOM do Corgo garante o desenvolvemento sustentable e a seguridade xurídica nos vindeiros 16 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Corgo
A-
A+

Ethel Vázquez destaca que a aprobación do PXOM do Corgo garante o desenvolvemento sustentable e a seguridade xurídica desta concello nos vindeiros 16 anos. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Corgo.

Neste acto tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; e o alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro.

En maio, O Corgo conseguía unha orde de aprobación parcial do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal, e agora, catro meses despois, apróbase definitivamente ao incorporar as últimas correccións necesarias.

A titular de Territorio subliñou que este documento permite ordenar os preto de 158 km2 de superficie do Concello, estando máis dun 95% clasificados como solo rústico. Engadiu que tamén recolle 165 delimitacións de núcleos rurais dos que só 23 estaban xa aprobados, o 95% da poboación do Concello.

O Plan Xeral tamén reforza o parque empresarial existente coa proposta de dous novos ámbitos de solo industrial, o que suporá unha mellora para o desenvolvemento económico e social do municipio.

Coordinación

Vázquez destacou a importancia que tivo a coordinación entre as administracións municipal autonómica, Concello do Corgo e Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, durante o proceso de tramitación do planeamento.

A redacción deste Plan xeral de Ordenación Municipal contou cun importante apoio por parte do Goberno galego, tanto técnico; posto que se mantiveron varias reunións para o seu avance, como económico, xa que desde a Consellería outorgáronse axudas por importe de 90.000 euros.

Balance de PXOM aprobados

Cómpre lembrar que desde o ano 2009 aprobáronse 51 plans xerais nos concellos galegos, 25 deles na presente lexislatura. Así pois, na actualidade son 83 os municipios galegos que contan cun planeamento adaptado, 14 pertencentes á provincia de Lugo.

A conselleira sinalou que a Xunta está comprometida con impulsar e facilitar que todos os municipios galegos conten cun Plan Xeral de Ordenación Municipal, conscientes da importancia que este documento de ordenación urbanística supón para o desenvolvemento económico e social das vilas.

A responsable de Medio Ambiente concretou que o Goberno galego está a traballar nunha nova Lei do Solo que facilite un planeamento de calidade nun tempo razoable. Engadiu que o obxectivo é que concellos como O Corgo, pero que non foron quen de redactar un PXOM, conten cun plan básico de ordenación que lles permita planificar o seu futuro en condicións.

25 de setembro de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.