A AGG manifesta os seus parabéns á Deputación de Pontevedra por non continuar aportando fondos públicos á Escola de Gaitas e Percusión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s manifesta os seus parabéns ao novo goberno da Deputación de Pontevedra, e concretamente aos responsables da Área de Cultura, pola decisión de non continuar aportando fondos públicos á Escola de Gaitas e Percusión. A Deputación de Pontevedra viña entregando, a través dun convenio coa Asociación Galega de Bandas de Gaitas, un total de 140.000 € anuais. Uns cartos que o anterior goberno da Deputación, concedeu  arbitraria e unilateralmente,  e en contra da opinión da totalidade das asociacións e colectivos que traballan a prol da música e baile tradicionais galegos, na provincia de Pontevedra, que manifestaron o seu rexeitamento público a esta decisión, e que  non revertían, en absoluto, no mantemento e difusión da nosa cultura, se non que servían, únicamente, para manter un modelo de formación musical que nada ten que ver co noso país. 

Foron moitas as concentracións e protestas que, naquel ano 2005, se organizaron para tratar de paralizar este intento de deturpar unha das manifestacións máis xenuinas da nosa identidade cultural. Un intento de deturpación que a forza política que obstentaba o goberno provincial quixo materializar trasladando a Pontevedra o modelo de banda marcial, con gaitas e percusións alleas á nosa tradición.

Dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s manifestamos, unha vez máis, os nosos parabéns por esta decisión e solicitamos de todas as administracións, dos seus gobernantes, que se faga unha xestión responsable dos fondos públicos, apostando pola música do país. E en concreto aos concellos, que teñan en conta ás asociacións locais que xa teñen escolas de musica e baile tradicional á hora de invertir os recursos que a Deputación lles vai a traspasar.

14 de setembro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.