Uns 350 deportistas competirán este domingo no XV Triatlón Cidade de Ferrol
Preto de 350 deportistas, profesionais e aficionados, participarán este domingo día 9 de agosto no XV Triatlón Cidade de Ferrol, organizado polo Club Triatlón Ferrol en colaboración co Concello e que se desenvolverá dende as dez da mañá no entorno do peirao de Curuxeiras.
A competición foi presentada no Concello en rolda de prensa polo edil de Deportes, Bruno Díaz (PSOE), o presidente do Club Triatlón Ferrol Cali Formoso, e o representante da Federación de Triatlón de Galicia, Juan Luis Pedrosa.
O concelleiro de Deportes animou aos cidadáns a disfrutar do espectáculo desta disciplina tan vinculada a Ferrol, en especial grazas á figura de Javier Gómez Noya, pero tamén polo esforzo do club e dos aficionados que converteron á cidade nunha referencia en Galicia.
“É unha disciplina que non só está tendo un forte crecemento en xeral na súa práctica no país senón tamén na nosa cidade, e dende o nacemento deportivo de Javier Gómez Noya, animar a todos aqueles que, recollendo esta semente están progresando, nunha disciplina con implantación importante e na que a cidade ten que aproveitar ter figuras desta relevancia para facer desta disciplina un deporte con arraigo”, sinalou Bruno Díaz, na rolda de prensa de presentación do evento.
Dos preto de 350 inscritos, ata 105 o están na carreira popular e 50 pertencen ao Club Triatlón Ferrol. A competición a pé realizarase pola zona do peirao de Curuxeiras, mentres que a ruta en bicicleta terá lugar polo acceso norte hacia A Malata, ocupando nun pequeno tramo un dos carrís da autovía.
As probas comezarán ás 10:00 horas, coa proba de 150 metros de natación e 500 de carreira a pé. Ás 10:00 se inicia para os non federados e dende categoría infantil unha proba na que se farán 300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 42’5 de carreira.
A partir das once da mañá xa terá lugar a saída masculina, sen tempo de corte, mentres que a feminina será ás 12:10 e a masculina con tempo de corte ás 12:30.
Entre as participantes estará Tamara Gómez, unha das deportistas que está pelexando por un posto para as próximas Olimpiadas.











