Unha vintena de Amigos do Camiño de Santiago de Granada foron recibidos no Concello de Tui

Recepción no consistorio tudense
Unha vintena de membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Granada, que están a realizar a peregrinaxe a Compostela, foron recibidos onte no Salón de Plenos do Concello de Tui. O acto contou coa presenza da concelleira de Cultura, María José González e do concelleiro de Turismo, Laureano Alonso.
A Asociación, que naceu o 12 de setembro de 1992, foi creada co gallo de coñecer as diferentes rutas que unen a cidade de Granada con Santiago. Trátase da organización máis antiga de Andalucía dedicada ao Camiño, e os seus membros levan máis de doce anos peregrinando a Santiago de Compostela, utilizando as diversas rutas que conducen á cidade.
A concelleira de Cultura, María José González, mostrou o seu entusiasmo por recibir a Asociación e sinalou que “sempre é un orgullo que familias enteiras fagan o Camiño de Santiago”
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, deu conta de que Tui é unha cidade con moita historia, ademais de ser porta do Camiño Portugués. Alén diso, o concelleiro explicoulles ós peregrinos que o Casco Histórico da cidade é o segundo en extensión de Galicia, e merece ser visitado polas súas rúas con encanto, e por outras zonas descoñecidas como é a xudería. Finalmente, Laureano Alonso desexoulles ós membros da Asociación un bo camiño para poder desfrutar de Tui e de Galicia.
O acto concluíu co intercambio de obsequios. O Concello de Tui agasallou á Asociación cunha figura da Catedral de Tui, e os Amigos do Camiño de Santiago fixeron entrega, da man do seu presidente Juan Carlos Castro Aranda, dunha guía do Camiño Mozárabe de Santiago, que parte de Granada, elaborada pola organización e un viño da zona.











