Un total de 68 empresas da provincia da Coruña participan na Plataforma de Turismo Industrial
Un total de 68 empresas da provincia participan na Plataforma de Turismo Industrial que impulsa a Deputación da Coruña, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o financiamento de fondos FEDER, co obxectivo de facer das visitas turísticas un complemento mais da actividade das PEMES, que sirva para a promoción dos produtos autóctonos nas diferentes comarcas e contribúa á dinamización da actividade económica.
Esta iniciativa comezou a desenvolverse a principios de 2014, con sesións de asesoramento e consultoría personalizada, nas que se recabaron os datos de cada unha das empresas participantes e se analizaron as súas singularidades e potencialidades, ofrecendo despois aos empresarios ideas e formación sobre cómo aproveitar as visitas turísticas ás súas instalacións como complemento da súa actividade comercial ou empresarial.
O proxecto chega agora á súa última fase, que consiste na creación de rutas, experiencias e paquetes turísticos e na difusión do proxecto a través dunha páxina web específica (http://turismo.dicoruna.es/industrial/es) e dunha aplicación descargable para smartphone ( xa dispoñible nas plataformas iOS e Android) nas que se ofrece ao usuario información detallada de cada un dos cinco “eixes turísticos” que conforman a oferta, e que se corresponden con cinco zonas xeográficas da provincia, cada unha delas protagonizada polos aspectos industriais máis destacables da zona, que sirve de fío conductor na temática das visitas. A maiores, ambas as dúas aplicacións ofrecen información turística sobre aloxamentos e locales de hostalería, patrimonio cultural, artístico e etnográfico, paisaxes naturais ou museos en cada unha das zonas.
Cinco rutas temáticas na provincia
Así, por exemplo, nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, que contan con 10 empresas implicadas no proxecto, a temática das visitas xira entorno á temática “Natureza e Enerxía”, unha relación evidente cando se analizan as fontes enerxéticas deste territorio no que o carbón, a auga, o vento ou a forza do mar na liña costeira teñen sido recursos decisivos na configuración dun paisaxe único e moi característico. Nesta zona existe a posibilidade de visitar industrias, empresas de alimentación que traballan de xeito artesanal ou viveiros de prantas, o que se combina coa oferta natural que ofrece zona, con enclaves singulares como as Fragas do Eume ou a Serra da Capelada.
Na zona da comarca da Coruña, parte de Bergantiños e do interior coruñés defínese o eixe temático “Construíndo o cotián”, no que participan 21 empresas, baseado en potenciar o turismo industrial mediante visitas a PEMES nas que se pode descubrir cómo son os procesos de manufactura e creación de numerosos produtos de uso diario, que van dende o traballo artesán dos alfareiros de Buño, á creación de prendas textís en Cambre, de cantería en Vilarmaior ou de vidro e metal en Vimianzo.
Na ruta temática “O Mar e os seus oficios”, que se extende polo litoral da provincia dende a Costa da Morte ata Barbanza, participan un total de 8 empresas, fundamentalmente do sector da alimentación e relacionadas co mar, aínda que permite tamén ao visitante coñecer in situ actividades como o marisqueo do berberecho en Cabana de Bergantiños, o oficio das redeiras en Ponteceso, ou un secadoiro de congro en Muxía.
No cadrante central da provincia, que inclúe as Mariñas Betanceiras atópase a ruta temática “Reinventando a alimentación”, que conta con 11 empresas participantes, a maior parte da industria da alimentación e que desenvolven produtos ecolóxicos ou innovadores como a stevia (un edulcorante natural), o lúpulo, as preparacións de algas ou a cerveza elaborada de xeito artesán.
Finalmente, o eixe “Camiños de terra e auga”, que integra a 18 empresas do sur da provincia, entre as comarcas de Compostela e interior coruñés, centra fundamentalmente a súa oferta en visitas a industrias do sector agroalimentario, que ten incorporado en moitas ocasións novos sistemas de fabricación sen perder o valor da producción artesanal. Queixerías, panaderías, adegas vitivinícolas ou empresas de produción de pementos son algúns dos sectores representados.
App e novas inciativas do proxecto
Na app descargable para smartphones, o usuario pode acceder á información de cada unha destas rutas temáticas e a información detallada de cada unha das empresas participantes, que inclúe horarios, imaxes, datos de produción, mapas, historia, número de teléfono e dirección e-mail de contacto…así como reservar directamente as súas visitas en función dos días e horarios habilitados por cada empresa.
A Deputación da Coruña, a través dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia que suporá un investimento de 33.000 euros, inicia agora unha nova etapa deste proxecto, que consistirá no asesoramento ás PEMES para sinalización e panelización dos distintos itinerarios polas factorías, na definición de rutas, creación de experencias e paquetes turísticos e en campañas de formación para a implantación de plans de calidade e novas tecnoloxías aplicadas á xestión, comercialización e promoción dos produtos.











