publicidade hoxe

Todos os semáforos de Carballo xa contan con alumeado LED

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Dende o martes desta semana todos os semáforos situados na capital municipal e na súa contorna contan con lámpadas de tecnoloxía LED, que reducen o consumo enerxético destes sinais nun 80 por cento. Así o notificou a Policía Local despois da substitución das lámpadas incandescentes do semáforo situado na travesía de Bértoa, no paso de peóns da Igrexa parroquial, por luces LED de consumo reducido. O modelo de semáforo anterior, de tres luces de 200 milímetros e dúas máis destinadas á sinalización para os peóns, viña consumindo unha media de 1230 quilovatios ao ano de electricidade, unha cifra que se verá notablemente reducida.

O sistema de díodos tamén redunda nunha maior seguridade para o tráfico, xa que supón unha maior fiabilidade e durabilidade, ademais de que implica unha mellor percepción por parte do ollo humano, xa que os múltiples puntos de luz axudan á captación do sinal. Por último, o mantemento necesario para as luces LED, sinalan dende a Policía Local, é practicamente inexistente. O proceso de substitución das luminarias dos semáforos da capital municipal comezou hai anos co recambio progresivo das lámpadas dos semáforos do centro urbano, estendéndose pouco a pouco as partes máis afastadas do centro. Aínda que o groso do traballo estaba rematado dende hai tempo, dende a Policía Local sinalan que o semáforo de botón da travesía de Bértoa era o último que restaba por substituír, un cambio que consideraban necesario pola súa elevada densidade de tránsito de peóns.

5 de agosto de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.