publicidade hoxe

San Sadurniño pecha unha intensa fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Os titulares desta fin de semana estiveron protagonizados case en exclusiva pola VII Feira Rural, que pechou de novo unha edición de grande éxito propiciada polo bo tempo e a diversidade da oferta. Porén, a diferenza doutros anos, o evento estivo rodeado doutras actividades que converteron San Sadurniño no foco de atención da comarca. Foron tres: o partido solidario entre O Parrulo e o Leis Pontevedra -con victoria para os primeiros por 4 a 1-, o primeiro Festival Sons na Cortiña e, onte domingo, o concerto de artistas noveis ofrecido na igrexa de Santa María a Maior do Rosario como aperitivo da formación musical que propón en San Sadurniño a familia Keilin para o curso que entra.

Pero, vaiamos por partes. Xusto despois de que se clausurase a Feira Rural, no pavillón municipal dábanse cita dous dos equipos máis potentes de Galicia, o Cofersa-O Parrulo, que xoga na 2ª División, e o Leis Pontevedra F.S. da 2ªB. Xuntáronse para continuar preparando a temporada cun enfrontamento amigable que, ademais, tiña fins solidarias. E é que a entrada era gratuíta, pero pediuselle ao público que achegase alimentos cun longo periodo de caducidade e artigos de hixiene que se distribuirán entre as familias con menos recursos do municipio. Enchéronse dous carros da compra -arredor de 70 quilos de produtos-, que os capitáns dos dous equipos lle entregaron ao alcalde e á concelleira de Deportes xusto antes do comezo do partido.

No deportivo foi un encontro intenso no que O Parrulo mantivo o dominio case de principio a fin. A cousa arrancou máis ou menos igualada, aínda que por pouco tempo. Trala primeira toma de contacto o equipo ferrolán comezou a exercer unha presión que levou o xogo case permanentemente ao campo contrario. Aos 6 minutos do inicio, Cagi marcou o primeiro gol e antes de marchar ao descanso Rubi metería o segundo. A superioridade do Parrulo continuaría mostrándose durante a segunda parte e obtivo recompensa noutras dúas ocasións con goles de Rubén Mouriz e Cagi de novo. Co 4-0 no marcador O Parrulo afrouxou algo e o Leis conseguiría o tanto da honra no minuto 34 por obra de Martín.

Grupos locais no Sons da Cortiña

Trala paréntese deportiva e un pequeno lapso para cear, a actividade volveu ao recinto da Feira Rural. Alí arrancou preto das 23.00h. o I Festival Sons na Cortiña cun cartel de luxo que reuniu no escenario tres grupos con estilos distintos, presentados co humor do monologuista Pedro Brandariz. 

Abriron a noite Tardepiache. Unha formación con xente de aquí -ensaian en Ferreira-, pero tamén de Neda, Cedeira e Ortigueira. Son unha chea deles e tamén unha chea de instrumentos entre os que destacan os metais e as voces de Jess e Marta postas ao servizo do Ska en galego. 

Colleu o relevo outro grupo con xente da casa. Fanse chamar Labanda e nel atopamos nomes xa míticos do rock local, como Miguel Sanjurjo Jr, Lucho, Rafa ou David, a quen se lles unen as novas incorporacións de Martín e Patricia. Ensaian na antiga escola unitaria de Silvalonga os mércores e defínense como country-rock. Ofreceron un repertorio no que entran temas propios salpimentados con versións de Jhonny Cash e doutros clásicos de sempre. 

O broche á noite puxéronllo a lúa chea, unha boa temperatura malia estar ao pé do río e a música do ourensán O Sonoro Maxín. Son a evolución lóxica do que debera ser unha verbena xenuinamente galega. De feito, trouxeron pezas a ritmo de cumbia, reggae, rock, ranchera, bolero ou mesmo vallenato, todas elas bailables e todas elas con esa impronta da Terra da Chispa que entronca directamente co lendario Cuco de Velle e a súa charanga. 

Concerto de Artistas Noveis

O I Festival Sons na Cortiña é unha das primeiras iniciativas da Concellaría de Mocidade, creada para impulsar unha programación estable e diversificada para o público máis novo. A área está dirixida por Sabela Íñiguez, que ademais é titular de Deportes, Ensino e Cultura. Esta última, a de Cultura, ten ultimada xa a oferta de escolas para o curso que entra. Porén, este ano amplíanse as posibilidades de aprender música en San Sadurniño por medio da iniciativa privada de Iliá e María Keilin, que estudan crear grupos para piano, violonchelo, guitarra e solfexo no espazo da Casa da Xuventude coa colaboración municipal. 

Os Keilin, músicos formados en San Petersburgo, ofrecen un método orientado aos resultados que xa teñen implantado con éxito en concellos coma o da Capela. Así o demostra o seu alumnado -teñen nenos e nenas tamén de San Sadurniño-, que este domingo pola tarde encheu a igrexa de Santa María a Maior do Rosario cun concerto de violonchelo, piano e violín no que participaron unha ducia de rapaces e rapazas de distintas idades.

Coma eles, quen queira aprender cos Keilin -familia na que tanto a parella coma os seus fillos son músicos profesionais- poderá informarse antes chamando ao 609 816 872. Ademais, se se cumpren os prazos das obras, Iliá e María Keilin ofrecerán titorías na Casa da Xuventude entre o 20 e o 25 de setembro para explicar o seu método e empezar a casar horarios de clase e ensaios. Iso si, deberán formarse grupos mínimos para levar adiante cada disciplina. Cómpre sinalar, ademais, que se trata dunha formación válida para as probas de acceso ao conservatorio.

31 de agosto de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.