publicidade hoxe

Román Rodríguez comproba en Muxía os traballos de colocación da Pedra de Abalar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxía
A-
A+
Román Rodríguez en Muxía

Román Rodríguez en Muxía

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, trasladouse esta mañá a Muxía para comprobar de primeira man as tarefas que se están levando a cabo para colocar a Pedra de Abalar no seu emprazamento orixinal, unha actuación no que a Consellería de Cultura e Educación inviste 16.300 euros.

A día de hoxe os traballos xa están moi avanzados e, unha vez concluída a primeira fase de achegar a Pedra ao seu lugar de orixe, agora estase na segunda fase, case ao remate da actuación. Tras comprobar o resultado das tarefas realizadas ata o momento o conselleiro salientounas como un traballo de precisión, “moi artesanal, de orfebrería e exeñaría fina”, que contribuirá a que a pedra siga a ser un referente “para a cultura tanto de Muxía como de Galicia”.

O movemento da Pedra –que se realiza mediante gatos e cables suxeitos a ancoraxes firmes- é de grande complexidade debido aos mecanismos e procedementos a empregar, que foron deseñados especificamente para este caso tendo en conta o valor cultural desta peza e a súa salvagarda como criterio prioritario.

Na primeira fase levouse a cabo o traballo groso, cun movemento da Pedra a razón de medio metro ao día. Agora estanse levando a cabo os traballos máis finos e de aproximación máis exacta á posición orixinal, cun movemento diario duns centímetros.

Unha vez colocada a Pedra, está previsto recuperar o fragmento desprendido e que no seu día xa fora adherido á Pedra principal. O seu destino final adoptarase logo dunha análise exhaustiva dos técnicos e dos representantes do Concello.

Durante a súa visita a Muxía o conselleiro estivo acompañado pola alcalde da localidade, Félix Porto; e mais pola secretaria territorial da Delegación da Xunta na provincia da Coruña, Camino Triguero.

7 de agosto de 2015 | 12:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.