publicidade hoxe

Ribadumia espera reunir unhas 1.000 persoas na XIV Festa do Pan do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+
Taller de pan para os cativos

Taller de pan para os cativos

A XIV Festa do Pan do Salnés celébrase mañá sábado na Carballeira de Ribadumia e nos Muíños de Batán, aínda que as actividades xa comezaron hoxe coa celebración dun taller de pan para os nenos da Escola de Ocio e de Verán.

No obradoiro, os pequenos puideron coñecer a historia, os ingredientes e a elaboración de pan de trigo dunha forma divertida e lúdica con motivo da Festa do Pan que terá lugar mañá no municipio.

Ademais da finalidade educativa, o taller pretendía introducir ós nenos na elaboración do pan de modo tradicional, e á vez, estimular os seus sentidos coa autoelaboración deste produto cotiá pero ao mesmo tempo tan presente en todos os fogares. 

O resultado foi moi gratificante para os pequenos, que ademais puideron levar o seu boliño para cocer na casa. 

Programación da festa 

En canto á programación, esta nova edición da Festa do Pan do Salnés- cuxo cartel foi elaborado coma en edicións anteriores por Pepe Noya- comezará ás 19:00 horas na Carballeira de Ribadumia para os máis pequenos, xa que alí poderán coñecer dun xeito divertido a tradición e costumes do pan e panadeiros. Tamén haberá un obradoiro de teatro e a representación de “El panadero loco”.  

Por outro lado,  as persoas que queiran participar no concurso de postres e empanadas deberán entregar os seus postres ou empanadas entre as 17:00 e as 19:00 horas na Carballeira de Ribadumia. No primeiro caso, todos os postres presentados deberán levar o pan como un dos seus ingredientes. O primeiro clasificado gañará cen euros, mentres que o premio para o segundo será de 50€. No que respecta á sétima edición do concurso de empanadas, as bases recollen que deben estar elaboradas con fariña de millo, sendo de libre elección os ingredientes de recheo. Cada participante pode entregar como máximo unha empanada. Os premios son de 150 euros para o primeiro clasificado e 70€ para o segundo. 

Despois das catas das elaboracións dos concursos –sobre as 20:00 horas- saíra desde a Carballeira de Ribadumia (ás 21:00 horas) unha marcha ata os Muíños do Batán para poder gozar alí da representación da moenda de millo branco do país e da representación do amasado e da elaboración tradicional do pan de millo. Tamén neste escenario haberá outro taller de pan para nenos e unha actuación do grupo de pandeireteiras Alecrín de Ribadumia.

Xa de volta na Carballeira de Ribadumia entregaranse os premios aos gañadores dos concursos de postres e de empanadas e de seguido comezará a cena de confraternidade. O Concello de Ribadumia volve a apostar, como nas últimas edicións, polos ovos con pan de millo. Os asistentes poden adquirir os tickets por 1 euro que inclúen ovos con pan de millo; e por 1,5 euros a botella de viño tinto de Barrantes. Ademais, haberá postos de venda de polbo, empanadas, diferentes tipos de pans…

A cena estará amenizada polo grupo “M80”; aos que seguirá a verbena a cargo do “Dúo Marema”.

Máis de 30 voluntarios

Un grupo de máis de 30 voluntarios do municipio prestarán mañá a súa colaboración ao Concello na celebración da XIV edición da Festa do Pan do Salnés. Os voluntarios terán como función principal atender as dúbidas das persoas que se acheguen, fritir os ovos e repartir as botellas de tinto de Barrantes. 

Dende o Concello quérese agradecer a súa axuda e tamén toda a colaboración aportada por parte das panaderías de Ribadumia: Carlos, Despensa de Piñeiro, Ponte Arnelas, Lois, Álvarez, Isidoro e Boutique de Pan; á avícola Otres, ó grupo Alecrín e a Seso polo coidado dos Muíños do Batán; e convida á vez a todos os veciños e visitantes a que se acheguen mañá ata a Carballeira de Ribadumia para celebrar a Festa do Pan do Salnés.

7 de agosto de 2015 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.